Arrhythmia e Rebeliom do Inframundo únense en “Insaciables”: unha alianza inevitable da escena alternativa galega

O encontro era cuestión de tempo. Dúas das formacións máis potentes e coherentes da escena galega alternativa, Arrhythmia e Rebeliom do Inframundo, xúntanse por fin nun tema que soa tanto a declaración de intencións como a celebración compartida.
“Insaciables”, o novo sinxelo da banda lucense, sae este venres 7 de novembro en todas as plataformas dixitais, e supón o segundo adianto do EP que Arrhythmia publicará en 2026.

O tema chega tras un ano de silencio aparente, no que o grupo se adicou a traballar no estudo e redefinir o seu son. Lonxe de desaparecer, Arrhythmia fixo o que sempre soubo facer mellor: escoitarse, afinar o ruído e transformalo en linguaxe. O resultado é unha peza que funde o metal alternativo e as tinturas electrónicas de Arrhythmia co rap combativo e político de Rebeliom do Inframundo, nun diálogo que é tamén símbolo dunha xeración que loita por abrir camiño fóra dos circuítos comerciais.

A conexión entre ambas bandas non é casual. Alberto Busto, vocalista e guitarrista de Arrhythmia, leva un tempo con Rebeliom do Inframundo como guitarrista, facendo aínda máis natural unha colaboración que semellaba inevitable. A canción, explica o propio Busto, fala “O sinxelo fala do orgullo polo traballo feito, do respecto polos que despexaron o camiño e das portas abertas ás novas xeracións, pero, tamén, cunha visión crítica cara á industria e o negocio musical”.

Con “Insaciables”, Arrhythmia confirma que segue a ser un dos proxectos máis firmes e inspiradores do panorama galego. Recoñecidos con dous Premios Martín Códax da Música, a banda continúa a súa traxectoria fiel aos principios que os definiron: independencia, contundencia e emoción. A súa discografía —que inclúe os álbums I (2022), II (2016) e o EP III (2012)— xa deixara claro que o seu camiño non pasa por agradar, senón por conmover.

O novo single pode escoitarse desde este venres, 7 de novembro, en todas as plataformas dixitais, e tivo unha estrea exclusiva no canle de YouTube de Arrhythmia.
Unha alianza que reitera que o rock, o metal e o rap galego seguen vivos, dialogando entre si e escribindo, xuntos, unha das páxinas máis auténticas da nosa música contemporánea.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *