O Festival EmigraSon de Bruxelas continúa a sumar nomes ao seu cartel e vén de anunciar unha das incorporacións máis especiais desta edición: Fer, coñecido por ser unha das dúas metades de Verto, un dos proxectos máis representativos da nova idade de ouro da música galega contemporánea.
Logo da separación do dúo, cada un dos seus integrantes iniciou o seu propio camiño. Fer presentouse en 2024 co álbum Una historia, un traballo formado por trece cancións delicadas, luminosas e profundamente emotivas, que pasou sorprendentemente desapercibido malia ser, para moitas persoas, unha das obras máis fermosas e completas do pop galego recente. O disco publicouse sen apenas promoción, fóra do ruído mediático e das dinámicas das redes, pero deixou unha fonda pegada en quen o descubriu.
Ata o momento, o músico non ofrecera ningún concerto nin anunciara plans de xira, polo que a súa presenza no EmigraSon 2026 supón unha ocasión única para escoitalo en directo. Segundo avanzou o propio festival, Fer chegará a Bruxelas “ben cargadiño co seu universo luminoso baixo o brazo”, disposto a compartir por primeira vez esas cancións que “abrigan e quedan na memoria”.
O seu concerto celebrarase na sala La Tricoterie, e promete ser unha das actuacións máis esperadas dun evento que cada ano serve de ponte entre Galicia e a súa diáspora, reunindo algunhas das voces máis sensibles e relevantes da nosa escena musical actual.
O cartel do festival estará completado por artistas como Ortiga, Paloma Paloma, 9LOURO, Sabela, Duendeneta Dilleis ou The Rapants. E celebrarase os días 27 e 28 de febreiro na capital europea.

