A Coruña terá este 7 de decembro na sala Mardi Gras unha das visitas máis estimulantes deste final de ano: The Molotovs, considerado un dos proxectos emerxentes máis interesantes do Reino Unido, pisan por primeira vez o Estado nunha xira que tamén pasará por Granada, Valencia, Barcelona, León e Madrid. A súa chegada enmárcase nun traballo conxunto dos promotores Just Life, United Live e Art Music España, coa súa axencia Solo Music Agency detrás do salto europeo.
O trío —formado polos irmáns Mathew e Issey Cartlidge, acompañados actualmente por baixista— destila esa mestura de urxencia punk, pulsión new wave e espírito DIY que define a unha nova fornada de bandas británicas que medraron entre pubs, salas pequenas e autoprodución constante. The Molotovs levan esa filosofía ao extremo: máis de 600 concertos en Reino Unido e Europa, desde actuacións a pé de rúa ata escenarios de referencia.
Ese rodaxe converteunos nun pequeno fenómeno de directo, algo que explica que xa compartisen escenario con Sex Pistols, Blondie ou The Libertines, e mesmo acompañasen a Iggy Pop nas súas últimas datas por Estados Unidos. O respecto chegounos tamén polos costados: Paul Weller e Green Day manifestaron publicamente o seu apoio ao proxecto, algo pouco habitual para unha banda tan nova.
A gira española servirá para presentar o seu novo single, Rhythm Of Yourself, un adianto do álbum de debut que verá a luz en xaneiro de 2026 baixo o título Wasted On Youth. Un nome que resume ben esa forza xuvenil que atravesa as súas cancións: directas, melódicas, viscerais e cunha mirada crítica sobre o seu tempo.
A cita na Coruña será unha oportunidade pouco habitual de ver un grupo que adoita xerar ruído e expectación nos circuítos internacionais antes de que os focos se acendan sobre eles.
E como sempre, desde aquí celebramos que as salas galegas sigan abrindo espazo para novas propostas e para esa música que empurra, renova e inspira. Porque a cultura medra así: conectando mundos, partindo da curiosidade e apostando polo que vén.

