O EmigraSON xa ten o seu cartel completo. O festival, convertido nun punto de encontro esencial para a diáspora galega en Bruxelas, presenta unha edición 2026 que combina tradición, vangarda e unha radiografía precisa do talento que está a definir o noso presente musical.
As dúas xornadas celebraranse o 27 e 28 de febreiro en dous espazos emblemáticos da cidade —La Tricoterie e La Madeleine—, reforzando a vontade do festival de estender a cultura galega máis aló das fronteiras, pero sen perder esa calor comunitaria que o caracteriza.
O venres 27 reunirá a 9Louro, Fer, Paloma Paloma, a foliada de ACG A Roda e a Irmandade Galega na Suíza, ademais de Duendeneta, nunha noite que mestura novas voces, electrónica emocional e tradición viva. O sábado 28 será a gran festa en La Madeleine cunha liña de artistas que reflicte o momento expansivo da nosa escena: Sabela, Ortiga, Baiuca e The Rapants, catro propostas que teñen levado a música galega a públicos bem distintos e que en Bruxelas compartirán escenario por primeira vez.
Co peche de cartel, o EmigraSON reafírmase como un festival necesario: un espazo no que celebrar quen somos, reencontrarnos coa nosa cultura e demostrar que Galicia segue a mover Europa… tamén a ritmo de música.

