Fene converterase estes días no epicentro do audio en galego. A asociación Emisoras Municipais Galegas (Emuga) organiza mañá venres e o sábado o I Festival de Podcast, unha cita que busca poñer en valor o potencial creativo, social e comunitario dun formato que medra con forza e que xa é unha das portas de acceso máis naturais á comunicación contemporánea. A programación desenvolverase na asociación O Pote de Maniños e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
Nun ecosistema mediático cada vez máis condicionado por algoritmos e lógicas comerciais, resulta relevante que haxa espazos pensados para fortalecer proxectos independentes e darlles voz a creadoras e creadores que traballan desde o local e en galego. Nese sentido, o festival propón un certame con máis de 20 podcast concorrendo ao primeiro premio, dotado con 500 euros, e con ata 13 categorías adicionais que recoñecerán desde o mellor guión ou a mellor producción ata as mellores voces ou unha traxectoria destacada.
Mais o festival non pretende quedar só na celebración, senón abrir conversa. Haberá mesas redondas e charlas sobre o papel do podcast na radio local, o seu valor educativo, o impacto dos medios dixitais ou as tendencias de futuro nun sector que non deixa de transformarse. Nesta liña, as profesionais Silvia Alende, Laura López e Lorena Penas (Actual Comunicación) impartirán obradoiros sobre difusión en redes, ferramentas dixitais e intelixencia artificial ou estratexias para conectar coa comunidade. Pola súa parte, Pepe Cunha (Ábrete de orellas) ensinará a crear un podcast desde a idea inicial ata a realización final.
A programación complétase coa participación dalgunhas das voces máis recoñecidas do panorama podcast galego: desde o propio Pepe Cunha ata Carlos García Vieito (Exército Mekemeke) ou Borxa González Castro (Orgullo Galego). Ademais, Vellenials (CUAC FM) gravará un episodio en directo, e tamén haberá música e palabra da man de Xurxo Souto, sempre atento aos territorios da oralidade.
O I Festival de Podcast de Fene chega, así, como un espazo necesario para xerar comunidade, formar novas creadoras e reivindicar o valor cultural —e político— dun medio que democratiza a palabra. Porque non se trata só de escoitar: trátase de construír un lugar propio desde o que contar o mundo.
O programa completo pode consultarse aquí: https://festivaldepodcast.gal/programa/

