O Prestoso 2026 xa ten datas —e anuncia un pack de lanzamento

O Prestoso volve. Despois dunha edición de 2025 que reuniu a 5.500 persoas no prao de Las Barzaniellas, o festival asturiano confirma as súas datas para 2026: 6, 7 e 8 de agosto. E faino á súa maneira, con entusiasmo, coidando o territorio e lanzando unha oferta de arranque: dous abonos completos por 125 euros máis gastos. Só hai cen packs dispoñibles, así que a carreira xa empezou.

Prestoso é desas citas que non se poden medir só en números. O Observatorio da Cultura recoñeceuno no informe de 2024 como un dos 24 mellores proxectos culturais no medio rural, unha honra que non chega por casualidade. A súa aposta polo patrimonio, a gastronomía, a cercanía das xentes e esa forma tan astur de entender a celebración converten as Barzaniellas e Cangas del Narcea nun escenario irrepetible.

A última edición, a oitava, reuniu vinte bandas nun cartaz onde conviviron proxectos internacionais, nacionais e locais. Tres días de música independente nun entorno natural co que non compite ningún algoritmo: iluminación sorprendente, actividades ao aire libre, unha discomóbil de lembrar e, por suposto, os caldos DOP Cangas que xa son marca da casa. O aftermovie do Prestoso 2025 —a edición na que mesmo sacaron en cadeira a Rodrigo Cuevas— dá boa conta dese espírito mestizo, alegre e profundamente comunitario.

O anuncio de 2026 chega tamén cun pequeno adianto: o estudo creativo DATRIGA xa está a traballar nun novo deseño para o festival, outro dos sinais de identidade dun evento que sempre mima a súa imaxe como parte da experiencia.

O Prestoso volve, e volve con ganas. O prao espera, o verán chama e o suroccidente asturiano prepara unha nova edición para demostrar, unha vez máis, que a cultura no rural non só está viva: está marcando o camiño. E, coma sempre, falta ti.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *