A Coruña converterase o vindeiro 30 de abril no único escenario galego onde poderá verse La Belleza, a nova proposta escénica de Rodrigo Cuevas, nunha xira que marca un novo capítulo na traxectoria dun dos creadores máis singulares e libres da escena musical estatal.
O artista asturiano vén de anunciar este novo espectáculo, definido como unha “fantasía escénica e argumental”, na que o fermoso e o soñado se mesturan co cotián e co terrenal. Un concepto que prolonga e expande o camiño aberto por La Romería, xira coa que asinou máis de 117 actuacións por países como Francia, México, Portugal ou Colombia, ademais dun intenso percorrido polo territorio estatal.
A xira La Belleza botará a andar o 24 de abril de 2026 en Asturias e terá unha longa vida sobre os escenarios, cun peche previsto en Madrid en outubro de 2027. A cita da Coruña será, ademais, a segunda data do tour, converténdose nunha oportunidade especialmente relevante para o público galego. Os detalles do concerto e a venda de entradas daranse a coñecer proximamente a través da web oficial do artista, rodrigocuevas.sexy.
O anuncio da xira coincide cun momento creativo especialmente fértil para Cuevas. Esta mesma semana viu a luz “Un mundo feliz”, un novo sinxelo no que colabora a icónica Massiel, e que funciona como un canto á liberdade individual e á afirmación da identidade propia. Un tema que, máis alá do xesto simbólico da colaboración, apunta xa ás claves do novo disco que o artista prepara.
Segundo explica Carlos Barral no texto que acompaña o anuncio de La Belleza, este novo espectáculo vén acompañado dun álbum aínda por publicar, concibido como un espazo de encontro entre tradición, folclore e sons contemporáneos, no que conflúen figuras históricas e voces emerxentes, divas da música urbana e artistas do underground. Un traballo colectivo, orgánico e necesario, chamado a funcionar como estandarte sonoro desta nova etapa.
No escenario, La Belleza promete ir máis alá do concerto convencional. Xogo, humor, palabra, sedución e unha coidada construción escénica darán forma a un espectáculo pensado para erosionar a indiferenza e activar a sensibilidade do público. Porque, como sinala o propio texto de presentación, La Belleza non é só unha xira: é unha invitación a repensar a nosa capacidade para ser felices.
O 30 de abril, A Coruña será testemuña dese xiro. E, por unha noite, o mundo xirará ao ritmo de Rodrigo Cuevas.

