Familia Caamagno converte a Sala Capitol nunha auténtica verbena comarcal o 6 de febreiro

Familia Caamagno presentará en directo Disco Comarcal, o seu terceiro LP, o vindeiro 6 de febreiro na Sala Capitol de Santiago de Compostela, nun concerto que promete ser moito máis ca unha posta de longo dun novo disco: unha celebración colectiva arredor da memoria musical, o baile e a identidade popular galega.

O quinteto de Sigüeiro chega a esta cita nun momento especialmente simbólico. En 2026 cumprirán 15 anos sobre os escenarios, e fano reafirmando unha idea moi clara: a música tamén pode ser un espazo de encontro, festa e reivindicación do que fomos e do que seguimos sendo. Disco Comarcal mira directamente ás discotecas comarcais dos anos 80 e 90, hoxe moitas delas desaparecidas, para poñer en valor o seu papel social como lugares de liberdade, relación e cultura popular.

A presentación na Capitol terá forma de espectáculo único, cun percorrido polo novo repertorio e polas cancións máis emblemáticas da banda, acompañados da Orquestra do Quinze, unha formación de vento e teclas que reforza esa conexión coa verbena, o baile e a tradición festiva galega. Un formato pensado para gozar do directo sen reservas, onde o importante é deixarse levar.

As entradas xa están á venda a través da web da sala, cun prezo anticipado de 17€ máis gastos de xestión. Ademais, no momento da compra existe a opción de adquirir tamén o vinilo de Disco Comarcal cun 20% de desconto, nunha edición limitada a 100 unidades. O disco poderá recollerse tanto o propio día do concerto como no posto de merchandising habilitado no recinto.

Con Disco Comarcal, Familia Caamagno volve demostrar que a súa música non entende de nostalxia pasiva, senón de activar a memoria para seguir bailando no presente. O 6 de febreiro, Compostela converterase nunha sala de festas comarcal onde o único requisito será querer formar parte da celebración.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *