Hai algo profundamente paradoxal no momento actual da música en directo: nunca houbo tantas bandas, tantos discos nin tanta actividade aparente, pero ao mesmo tempo cada vez resulta máis difícil xirar por salas sen o respaldo dunha gran marca detrás. Para moitas propostas pequenas e medianas, facer unha xira minimamente sostible converteuse nun luxo. Os cachés axustados, os custes de desprazamento, a incerteza da asistencia e a falta de apoio estrutural empurran a moitos proxectos a concentrar a súa actividade case exclusivamente nos festivais, reducindo o risco… e tamén a frecuencia e a profundidade do contacto co público.
Neste contexto, os apoios das cerveceras permiten que esas xiras de salas sigan existindo, e iso é algo que cómpre recoñecer. Grazas a ese respaldo económico, moitas bandas poden subirse a un escenario máis alá do circuíto festivalero e construír un relato ao longo das cidades. Pero ao mesmo tempo, a situación deixa unha sensación agridoce: que o acceso ao directo en salas dependa cada vez máis de ter unha marca detrás fala dunha escena fráxil, na que arriscar sen paraugas resulta case imposible.
É desde esa realidade complexa desde a que Directos Vibra Mahou regresa a Galicia en 2026. O ciclo volverá percorrer Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña entre febreiro e marzo cunha proposta que pon o foco nas salas e na experiencia do directo, reunindo artistas consolidados do panorama estatal e apostando por concertos que non se dilúen nun cartel infinito.
A programación arrancará cunha dobre cita de Anabel Lee, que actuará o venres 20 de febreiro na Sala Sónar de Santiago de Compostela e o sábado 21 no Island Club de Vigo. A banda chega cun directo intenso e emocional, onde a estética está ao servizo das cancións e non ao revés, e no que a enerxía sobre o escenario segue sendo a súa principal arma.
Na data viguesa compartirán noite con Niños Bravos, un proxecto que mestura pulsión garaxeira, melodías pop e unha actitude despreocupada pero moi consciente do seu tempo. Un deses concertos pensados para que a sala funcione como espazo de celebración colectiva, non como simple punto de paso.
O sábado 14 de marzo será a quenda de Rufus T. Firefly, que actuarán na Sala Pantalán da Coruña. A banda liderada por Víctor Cabezuelo e Julia Martín-Maestro leva anos construíndo un universo propio, afastado do evidente, no que cada disco e cada directo buscan xerar atmosfera, emoción e unha relación case ritual co público. En Galicia presentarán as cancións de Todas las cosas buenas, confirmando esa condición de grupo de culto gañada a base de coherencia.
O peche do ciclo correrá a cargo de Repion, cunha dobre actuación os días 18 e 19 de marzo na Coruña (Sala Pantalán) e Vigo (Sala Supersonic). As irmás Marina e Teresa Iñesta volverán demostrar que o seu punto forte é o escenario: guitarras directas, batería precisa e unhas voces que se funden cunha naturalidade pouco común, facendo do directo o verdadeiro corazón do proxecto.
Nun ecosistema cada vez máis condicionado por intereses macro e dinámicas de gran formato, ciclos coma este lembran a importancia de manter vivas as salas e de entender o concerto como algo máis ca un produto. Que existan grazas ao apoio de marcas é unha realidade incuestionable; que algún día poidan existir sen esa dependencia debería ser un obxectivo colectivo.
Axenda Directos Vibra Mahou en Galicia 2026
20 de febreiro – Anabel Lee – Sala Sónar (Santiago de Compostela)
21 de febreiro – Anabel Lee + Niños Bravos – Island Club (Vigo)
14 de marzo – Rufus T. Firefly – Sala Pantalán (A Coruña)
18 de marzo – Repion – Sala Pantalán (A Coruña)
19 de marzo – Repion – Sala Supersonic (Vigo)
As entradas xa están á venda a través da plataforma oficial de Vibra Mahou.

