Ollo, Lóstrego! e Moloch cruzan camiños na Disfrutona do Orzán cunha noite de rock progresivo e experimental

O vindeiro sábado 7 de febreiro, a sala La Disfrutona del Orzán (A Coruña) acollerá unha proposta singular dentro do circuíto galego: o encontro entre os vigueses Ollo, Lóstrego! e os pontevedreses Moloch, dúas bandas que dialogan desde diferentes linguaxes do rock progresivo e experimental, cun coidado especial polas letras e a construción sonora.

O concerto dará comezo ás 21.30 horas, con entradas a 10 € en venda anticipada e 12 € na billeteira.Ollo, Lóstrego! chegarán á Coruña presentando temas do seu primeiro LP, A inevitable caída dos imperios, publicado a mediados de 2025. O cuarteto vigués constrúe unha proposta que bebe do post-rock, do rock alternativo e do progresivo, combinando potencia e inmediatez con espazos para a creación de paisaxes sonoras máis atmosféricas e rítmicamente complexas. As súas letras, ás veces metafóricas e outras máis directas, exploran cuestións vitais como a relación do ser humano coa natureza, sempre desde unha mirada crítica e reflexiva.

Pola súa parte, Moloch pon música aos versos do poeta pontevedrés Jorge Cuña a través dun rock progresivo e experimental marcado polos contrastes: cambios bruscos de tempo e dinámica, capas atmosféricas e unha tensión constante entre o melódico e o rítmico. Unha proposta na que a palabra ocupa un lugar central e funciona como eixo emocional e conceptual do proxecto.

Dúas bandas diferentes, pero con puntos de encontro claros, que converten esta cita nunha boa oportunidade para achegarse a unha escena galega que segue apostando pola experimentación, a identidade propia e o risco creativo tamén nas salas.

🎟 Venda anticipada de entradas:

https://entradium.com/events/ollo-lostrego-moloch-en-la-disfrutona-de-orzan

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *