The Secret Society regresa cunha xira de salas para presentar Contra toda autoridad

O proxecto liderado por Pepo Márquez volverá aos escenarios estatais no mes de marzo cunha xira tan intensa como coherente: 13 concertos en 13 días, pasando por 11 cidades e reafirmando unha maneira de entender o directo como espazo de encontro, resistencia e continuidade creativa.

A xira servirá para presentar Contra toda autoridad, un novo EP que afonda nunha escrita atravesada polo tempo, o amor e a rabia, e que terá continuidade co LP Canciones de amor y rabia. Ambos os dous traballos edítanse en Suena Fuerte, o selo propio do proxecto, unha decisión que fala tanto de autonomía artística como de posicionamento ético fronte ás inercias da industria musical.Instalado en Hamburgo desde 2022, Pepo Márquez retoma o directo nun momento de clara continuidade. Non hai aquí xiros impostados nin reinvencións forzadas: o novo material encaixa de forma natural nunha traxectoria construída ao longo de máis de dúas décadas, sempre ao marxe de modas e ciclos de mercado, co directo como columna vertebral.

Musicalmente, The Secret Society móvese nese territorio fértil onde conflúen a canción de autor, o folk eléctrico e un rock de pulsión contida. As cancións destacan pola súa escrita directa e reflexiva, atenta ao cotián e ás tensións emocionais do presente, e por unha posta en escena que prioriza o clima, a intensidade e a proximidade antes ca a espectacularidade.A xira contará co acompañamento de Tuya, o proxecto de David T. Ginzo, músico asturiano e antigo membro de The Secret Society. A súa presenza suma unha capa de afinidade artística e persoal a un percorrido que se constrúe desde as relacións sostidas no tempo e unha maneira compartida de entender a música en directo.

O apartado visual do tour corre a cargo do ilustrador barcelonés Riki Blanco, cuxo cartel funciona como unha extensión conceptual do proxecto. Non é un mero soporte promocional, senón unha peza gráfica que dialoga co trasfondo político e emocional das cancións desde outra linguaxe.Este novo ciclo creativo coincide, ademais, coa publicación do primeiro libro de Pepo Márquez, Antineutral: música y economía moral en la era del turbocapitalismo, un ensaio que dialoga directamente coa súa obra musical e coa súa visión crítica da industria cultural contemporánea.

A xira pasará por Madrid (dúas datas), Xixón, Santander, Bilbo, Ourense, Vigo, Granada, Murcia, València, Barcelona e Huesca. As entradas terán un prezo único de 12 € e estarán dispoñibles a través da propia banda, dos sistemas independentes das salas ou en taquilla o día do concerto.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *