Quince anos dan para moitas cousas. Para tocar en salas pequenas e en escenarios grandes, para medrar como banda e para entender que a música tamén serve para mirar atrás sen caer na nostalxia fácil. Disco Comarcal chega xusto nese punto da traxectoria de Familia Caamagno, como un disco que celebra o camiño percorrido sen deixar de interrogar o presente.
Este terceiro LP consolida ao quinteto de Sigüeiro como unha das formacións máis recoñecibles da escena galega actual, tanto pola súa capacidade para escribir cancións directas e luminosas como pola maneira de introducir nelas unha ollada crítica, retranqueira e fondamente emocional. Producido por Raúl Pérez en La Mina, Disco Comarcal soa compacto, seguro e aberto a máis rexistros ca nunca.
O disco constrúese dende o rock e o power pop, con guitarras afiadas e melodías que entran á primeira, mais non se pecha aí. Hai ecos disco, achegamentos ao R&B e unha vontade clara de ampliar o campo de xogo sen perder identidade. Esa diversidade estilística funciona aquí como ferramenta narrativa, ao servizo dun imaxinario moi concreto: o das salas de festas comarcais que marcaron xeracións enteiras nos anos 80 e 90, hoxe en gran medida abandonadas, pero aínda moi presentes na memoria colectiva.
A partir dese punto de partida, Disco Comarcal percorre distintos estados de ánimo e temáticas. Cancións como “Bomba de calor” ou “Milagre económico” conectan coa realidade social e económica actual, sinalando as tensións dun modelo que deixa pouco espazo para o afecto. Noutros momentos, como en “Xa sei quen dis” ou “Segnor do pasado”, a banda observa con ironía determinados perfís sociais, sempre dende unha posición crítica pero nunca moralizante.Tamén hai espazo para a celebración comunitaria. “O día da festa” recupera o espírito das verbenas populares, dos vermús longos e dos bailes no Campo da Festa que atravesan a xornada enteira. É aí onde Familia Caamagno volve demostrar a súa conexión natural co directo, esa capacidade para converter cada concerto nun espazo compartido onde o baile funciona como lingua común.
Este álbum péchase cunha das pezas máis emotivas do conxunto. “Antigos astronautas” parte dunha narrativa fantástica para agochar un fondo profundamente humano: a tristura que acompaña o final dunha relación. A canción medra dende unha melancolía contida ata un retrouso luminoso, sintetizando moi ben ese equilibrio entre emoción e enerxía que define boa parte do álbum.
Presentación ao vivo:
Disco Comarcal presentarase en directo o 6 de febreiro na Sala Capitol de Santiago de Compostela, nunha noite pensada como algo máis ca un concerto ao uso. Para a ocasión, Familia Caamagno contará co apoio d’A Orquestra do Quince, unha formación de vento e teclados que reinterpretará os novos temas con arranxos específicos, ampliando o seu carácter festivo e colectivo.
A noite abrirase coa actuación de Ulex, unha das bandas chamadas a gañar peso na escena galega nos vindeiros anos, e pecharase cunha sesión de baile na Sala Riquela a cargo de Pídechas o corpo. Unha celebración acorde cun disco que entende o baile como lugar de encontro, memoria e tamén reflexión.
A festa de presentación de ‘Disco Comarcal’ -cuxas entradas están á venda a través de www.salacapitol.com- comezará a partir das 21:30h.

