Boyanka Kostova activa o modo aniversario con ‘Trae ese cú’, primeiro avance de X

Dez anos despois de prender a mecha do trap en galego, Boyanka Kostova volve colocarse na primeira liña coa mesma actitude irreverente que marcou o seu nacemento. ‘Trae ese cú’ chega como primeiro adianto de X, o novo álbum do dúo, previsto para a primavera, e faino cunha mensaxe clara: segue habendo fame, pulso e vontade de empurrar límites.

O proxecto que naceu en Compostela ao abeiro dun nome improbable —o dunha halterófila búlgara— acabou converténdose nun motor dunha escena que medrou arredor do galego como lingua válida para os códigos urbanos. Dende aquel xesto inicial até hoxe, Boyanka Kostova foi ampliando espectro sonoro e imaxinario, escapando de etiquetas e asumindo riscos nun contexto no que a industria tende a pedir repetición e confort.

‘Trae ese cú’ funciona como carta de presentación dun disco que promete ser expansivo e directo. Hai contas persoais, ironía e un pulso rítmico pensado para o impacto inmediato, sen renunciar á identidade dun proxecto que sempre entendeu a provocación como ferramenta política e cultural. Urbantrónica con colmillo, preparada para o baile e para a lectura entre liñas.

Neste décimo aniversario, X apunta a celebración e tamén a balance: mirar atrás para confirmar o camiño percorrido e, ao tempo, avanzar cun feixe de cancións que queren volver marcar época. Boyanka Kostova abre así unha nova etapa sen pedir permiso, co coitelo entre os dentes e a convicción de quen sabe que aínda queda moito por dicir dende aquí.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *