SonRías Baixas 2026 xa ten cartel: diversidade, festa e pulso popular na beira do mar

Bueu volverá converterse entre o 30 de xullo e o 1 de agosto nun dos epicentros musicais do verán galego. O SonRías Baixas 2026 presenta un cartel que mestura nomes consolidados do panorama estatal con propostas emerxentes e unha presenza destacada de artistas do país. Un festival que medra cada ano sen perder a conexión coa súa contorna: mar, vila e comunidade.

Na parte alta do cartel aparecen La M.O.D.A., La Pegatina, Zahara —no seu formato Rave—, Barry B, Alcalá Norte ou Veintiuno. Unha combinación que dialoga co indie, o pop alternativo, a electrónica e esa idea de concerto colectivo que encaixa ben nun espazo aberto e festivo.

Ao seu carón, unha nómina ampla onde tamén destacan Ultraligera, Cool Nenas, Mr. Kilombo ou Juventude, entre moitos outros. O cartel complétase con propostas como Alizza, Chiquita Movida (proxecto coliderado por Rayden), Gara Durán, Hoonine, Kike Varela, Duendeneta Dj’s, NDLR, Quinkillada, Rager, Sobrezero, Sonido Gallo Negro ou Ulex, debuxando un mapa sonoro que aposta pola variedade xeracional e estilística.

A presenza galega, aínda compartindo espazo cunha programación de vocación estatal, mantén peso propio, ainda que bótase de menos algún gran nome. O SonRías leva anos exercendo como escaparate para proxectos que medran dende aquí cara fóra, sendo memorables a súas últimas sesións vermut, combinando nomes recoñecibles con novas formacións que buscan escenario e público. Nesa tensión entre proximidade e industria está tamén parte do seu interese.

Co apoio institucional habitual e unha infraestrutura xa consolidada, o festival continúa ampliando capacidade e impacto turístico na comarca do Morrazo. A clave seguirá estando na experiencia: concertos ao solpor, encontros na vila e esa sensación de comunidade que transforma tres días de programación nun ritual colectivo de verán.

O SonRías Baixas 2026 confirma así unha edición pensada para convocar públicos diversos, abrir espazos de descubrimento e reafirmar que Galicia tamén pode organizar grandes citas musicais sen renunciar á súa identidade costeira e popular.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *