Hoxe puidemos apreciar unha instantánea que define perfectamente o momento da escena musical galega: “Darche”, de Lg1do xunto a Guzmen, instalada no posto 11 do Top 50 Viral España de Spotify.
Posto 11.
En galego.
Nunha lista onde adoitan dominar dinámicas globais e códigos urbanos marcados dende Madrid, Barcelona ou Latinoamérica, pero sempre en castelán, aparece unha canción creada dende aquí, cunha identidade clara e sen traducirse para gustar. Iso ten peso.
“Darche” dura apenas dous minutos. É directa, emocional, construída coa linguaxe sonora do presente. O galego non entra como declaración estratéxica nin como elemento diferencial pensado para o marketing. Está porque forma parte natural de quen a canta. E esa naturalidade conecta.
Este resultado tamén resume algo máis amplo. O que vemos agora nas listas é consecuencia dun traballo sostido durante anos. Unha escena que medrou con coherencia, que consolidou público nas salas, nos festivais e nas plataformas antes de aspirar a rankings. O idioma converteuse nun vehículo flexible, capaz de habitar o urbano, o electrónico ou o pop sen tensión nin complexos.
Spotify dálle número a algo que xa estaba pasando. A novidade non é só entrar no Top 50, xa que tamén o fixeron recientemente The Rapants. A novidade é que unha xeración entendeu que pode crear en galego dende os códigos máis competitivos do presente e xogar na mesma liga.
O posto 11 é un síntoma. Un punto de partida.
A escena xa está construída. Agora toca ver ata onde quere chegar.

