Agoraphobia publica Kamikaze e preséntao no Exporock da Coruña

O 20 de febreiro chega Kamikaze, o terceiro longa duración de Agoraphobia. Un disco que colle impulso despois de dous adiantos —“Eyes Never Lie” e “Fck You Tony”— que xa deixaban entrever unha nova etapa: máis consciente, máis libre e tamén máis incómoda coas inercias da industria.

A banda galega levaba sen publicar material dende 2019. Nese tempo, o ruído arredor mudou moito. A lóxica do algoritmo acelerou os tempos, empuxando a crear contido constante. Kamikaze sitúase noutro lugar. Aquí hai pausa, hai decisión e hai unha vontade clara de marcar o propio ritmo. A produción de Iago Lorenzo acompaña esa idea, reforzando a identidade sonora do grupo sen pulir as arestas que fan que todo respire verdade.

As frases que xa coñeciamos —“like I’m craving for something that’s not real / Always looking for a little more”— funcionan case como unha definición da ansiedade por chegar, por encaixar ou por ser visibles. O disco atravesa esas tensións: identidade, presión externa, amor, erro, ausencia. A sensación de construírse a partir do vivido mentres o mundo empurra cara a unha versión máis amable e máis consumible de nós mesmas.

Hai algo deliberadamente kamikaze na proposta. Un xesto de non pedir permiso. De asumir riscos nun contexto onde moitas veces se premia a fórmula e a repetición. Agoraphobia escolleu outro camiño: liberdade creativa por riba da présa.

A estrea en directo será o 14 de marzo no Exporock da Coruña, compartindo cartel con nomes como El Drogas, Ciclonautas e M-Clan. Un escenario que encaixa coa contundencia da banda e que permitirá comprobar como este novo repertorio medra sobre as táboas.

Kamikaze xa está dispoñible nas plataformas dixitais. Agora tócalle á escoita, sen présa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *