mariagrep e Mundo Prestigio comparten “Voy a pensar en ti”, segundo adianto do seu EP conxunto

A conexión entre mariagrep e Mundo Prestigio segue collendo forma. “Voy a pensar en ti” é o segundo e último adianto do EP que publicarán conxuntamente e que levará ese mesmo título. Un proxecto compartido que nace dende a afinidade estética e remata converténdose nun pequeno universo propio.

A compostelá e a banda viguesa levan tempo movéndose nun territorio onde o groove funciona como columna vertebral. Aquí volven facelo, cunha canción que se instala con naturalidade nese punto intermedio entre o pop de raíz negra, o indie con pulsión retro e certa sensualidade setenteira que remite tanto á canción melódica máis atrevida da década como a referencias actuais que entenden o ritmo como atmosfera.

“Voy a pensar en ti” é luminosa, bailable e pegadiza, pero tamén revela unha intención clara: construír unha identidade compartida máis alá da simple colaboración puntual. Hai química, hai espazo para que a voz respire e hai unha produción que non sobrecarga, que deixa que o tema avance con elegancia.

O sinxelo chega despois de “Ai de mí” e funciona como antesala definitiva dun EP que verá a luz nas vindeiras semanas. Un traballo que pode ampliar o mapa do pop alternativo estatal dende Galicia, apostando por unha estética coidada, grooves cálidos e unha forma de entender a canción dende o detalle e o corpo.

Mentres agardamos polo lanzamento completo, mariagrep e Mundo Prestigio xa teñen plan: seguir pensando en ti… ata o último día.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *