The Rapants amplía o Rapants Club no Sar e activa 1.500 novas entradas

O concerto de presentación de Rapants Club medra antes de celebrarse. The Rapants vén de anunciar a ampliación da capacidade para o directo do 28 de marzo no Multiusos Fontes do Sar, o que supón a saída á venda de 1.500 novas entradas. Os billetes estarán dispoñibles dende as 12.00 horas deste mércores 25 de febreiro a través de Ataquilla.

A banda de Muros converteu a presentación do seu cuarto LP nun acontecemento de escena. O Sar será a pista de baile inaugural dun proxecto que evidencia o seu momento de expansión: máis público, máis ambición escénica e unha produción que abre o foco cara á electrónica e á música disco sen perder o pulso das guitarras afiadas.

Rapants Club publicarase o 4 de marzo nas plataformas dixitais. Ata o momento xa se escoitaron dous avances que deixan ver esa nova dirección: “Non Sei Como”, en colaboración con Joe Crepúsculo, e “Viaxei”, unha peza que se achega á cumbia e aos ritmos latinos cun retrouso inmediato. Dúas portas de entrada a un disco que combina sintetizadores, riffs desafiantes e letras que xogan entre a celebración e unha certa sombra emocional.

O 28 de marzo non será só a estrea dun álbum. Será a posta en marcha dun club que medra coa súa xente dentro. E agora, literalmente, hai máis sitio.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *