Boyanka Kostova volven activar maquinaria cun novo single que volve poñer o foco nunha idea que atravesa toda a súa traxectoria: o dereito a pasalo ben. ‘Acaso isto é un crime’ é o segundo adianto de X, o disco co que celebran dez anos de carreira, e chega cunha pregunta directa, formulada con retranca e intención política: desde cando gozar se converteu nun problema?
A canción constrúese arredor dun sample moi recoñecible de Sade, concretamente de Is It a Crime, que aquí funciona como motor. O que na versión orixinal era contención e sofisticación, transfórmase nunha base acelerada que mira ao disco-funk e ao club, filtrada por unha electrónica urbana con altas revolucións que define a súa etapa máis recente.
En pouco máis de dous minutos e medio, Chicho e Cibrán condensan barras afiadas, ironía e hedonismo. Boyanka responden con groove e coa súa habitual capacidade para converter o humor en ferramenta crítica. Se ‘Trae ese cú’ amosaba unha faciana máis frontal e visceral, este novo adianto amplía o rango de X cara a un territorio máis bailable sen perder filo. A celebración aquí é desfrutar como acto de resistencia cultural.
Todo apunta a que X será un disco pensado para o directo, para a pista e para seguir consolidando un proxecto que leva unha década expandindo os límites da música urbana en galego.
