O pasado 1 de febreiro viu a luz A Nosa Terra, o segundo disco de QFB, unha banda que leva anos traballando dende A Coruña unha mestura de rap e metal atravesada por conciencia social e identidade.
Os adiantos xa marcaban o camiño. En “Pedras contra Tanques”, reinterpretando o clásico de Leilía, e en “Somos Patrimonio”, coa colaboración das XacaPandes, percibíase unha conexión máis explícita coa tradición galega, como parte estrutural do discurso sonoro. O rap metal de QFB amplía así o seu campo de acción e dialoga co patrimonio inmaterial dende a contundencia eléctrica.
Atrás queda Rexurdir, aquel exercicio de memoria no que recuperaban as gravacións de 1995 enfrontándoas ás súas versións actualizadas en 2022. Se aquel traballo funcionaba como ponte entre xeracións, A Nosa Terra céntrase no presente, nun momento onde a reivindicación cultural tamén se xoga no terreo simbólico.
David, Binny, TheBreiso, Toninho e Zalo reforzan aquí unha identidade clara: riffs máis escuros, bases máis pesadas e unha voz que soa máis afiada, máis rítmica, máis directa.
A Nosa Terra é un album incendiario e pesado onde o rap e o metal campean as súas anchas.
