Rebeliom do Inframundo publica Orgulho: raíz, loita e quinto disco dunha trincheira musical

Orgulho (Galunk Producións, 2026), o quinto traballo de Rebeliom do Inframundo, chega este 26 de febreiro ás plataformas dixitais como síntese dunha traxectoria construída dende os primeiros chanzos da escada, con independencia, coherencia e comunidade. Máis dunha década despois de comezar a facer da música unha trincheira, o grupo reafirma aquí a súa identidade: rap como ferramenta, raíz como columna vertebral e orgullo entendido como pertenza á clase, á memoria e á terra. O disco condensa esa constancia sostida no tempo e proxéctaa cara adiante, sen concesións nin atallos.

Tras os adiantos “Sube”, “Balas” xunto a Kaze, “Bate Fado” e “Nada”, a banda entrega un álbum cohesionado, atravesado por unha mirada consciente e crítica. Nervo definíao como un traballo no que conviven a forza de sempre cunha madurez que tamén se percibe nos matices.

Musicalmente, Orgulho reforza o diálogo entre o rap hardcore, a electrónica e os cantos populares. Hai pulsión rítmica e contundencia, mais tamén espazo para a tradición. O álbum avanza como unha viaxe continua, pensado para escoitar de principio a fin e para medrar no directo, territorio natural do grupo.

O lanzamento chega acompañado do videoclip de “Cantos da Taberna”, dispoñible na súa canle de YouTube.

Unha xira que confirma o momento

A xira ‘Orgulho’ xa ten as primeiras datas pechadas en Barcelona (6 de marzo), Bilbao (28 de marzo), Madrid (18 de abril) e Santiago de Compostela (8 de maio). A cita na Sala Capitol será a única en recinto pechado en Galicia, e supera xa a metade do aforo vendido, confirmando o momento de conexión que vive a banda co seu público.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *