5 (+1) razóns para ir ao EmigraSON este ano ou calquera

Hoxe comeza o festival EmigraSON en Bruxelas, un evento que converte a capital europea durante dous días nunha extensión emocional de Galicia. Na súa cuarta edición segue a medrar en aforo e en ambición, sen perder o traballo case asociativo e, ainda, voluntario da organización. Actualmente poderíamos dicir que esta aventura que iniciaron un grupo de migrantes con tempo nas súas mans é o maior festival de música galega fóra do páis. Máis de dous milleiros de persoas reunidas a 2000 quilómetros da súa casa co único obxetivo de celebrar.

Se estás pensando en ir este ano —ou en calquera edición futura— aquí van varias razóns que explican polas que paga a pena.


1. Porque se vives fóra, en Bruxela estarás en casa

A música ten algo físico cando estás lonxe. O teu corpo reacciona emocionalmente dunha forma distinta ós estímulos que tés integrados no teu ADN. Entre memoria, lingua, e contexto compártese unha experiencia única para todas aquelas persoas que están emigradas por Europa adiante.

Moita da xente que vive en Bruxelas —e noutras cidades europeas— chegou por razóns moi distintas. Hai quen marchou empurrado pola precariedade que atopaba na súa terra. Hai quen buscaba horizontes profesionais máis amplos, oportunidades que aquí non aparecían. Hai quen simplemente decidiu ampliar mundo, sumar experiencias, abrir a súa biografía a outras culturas.

Uns marchan e volven. Outros quedan. Ás veces é o traballo. Ás veces o amor. Ás veces a vida, que colle camiños que non estaban previstos.

Nese contexto, poder viaxar dende calquera punto de Europa ata Bruxelas e atopar un espazo onde a lingua é a túa, onde as cancións falan do que coñeces e onde o público comparte códigos culturais, ten un valor que vai máis alá do concerto.

Para moita xente da diáspora, o festival funciona como punto de reencontro cun presente cultural vivo.


2. Porque os cabezas de cartel da música galega pasan por aquí

Poucos festivais poden dicir que, en apenas catro edicións, xa concentraron practicamente todo o talento referencial dunha xeración. Polo EmigraSON pasaron Fillas de Cassandra, Tanxugueiras, The Rapants, Baiuca, Ortiga, Grande Amore… e a lista segue medrando.

Non é casualidade. Hai unha lectura clara do momento cultural. Hai vontade de traer o que está pasando agora, non o que pasou hai 15 anos como pasa con outros eventos culturais que únicamente buscan vender nostalxia. E, ademáis, moitas veces eses concertos son tremendamente especiais: fins de xira, despedidas históricas —como aquela de Terbutalina— ou datas únicas, como este ano o concerto, probablemente irrepetible de FER.

Escoitar en directo a artistas que forman parte do momento cultural do teu país, cantar en galego nunha impresionante sala europea rodeado de xente que entende cada palabra sen tradución, ten un peso que non aparece nos vídeos de Instagram/Tik Tok.


3. Porque aquí tamén se detecta o que vén

Antes de explotar, alguén aposta.

Na primeira edición, nun formato pequeno, foron precisamente Fillas de Cassandra e The Rapants quen dinamitaron o ambiente antes de converterse en fenómeno masivo. O festival tamén apostou cedo por Mondra ou De Ninghures, e este ano abre a mán á escena urbana con artistas a punto de eclosionar como 9Louro.

Ir ao EmigraSON tamén é iso: asistir a un momento previo, descubrir nomes que aínda non están en todos os carteis pero que xa están construíndo discurso. Hai intuición e hai risco. E iso nótase.


4. Porque a sensación identitaria é real

Paradoxalmente, ás veces síntese máis Galicia fóra que dentro.

Hai algo na concentración, na distancia, no feito de que todo o que sucede alí é consciente. Non hai dispersión nin ruído externo. Durante dous días, a lingua, a música e a comunidade ocupan o centro.

Moita xente que vai coincide nunha idea: identitariamente, pesa máis que moitos festivais celebrados no propio territorio.


5. Porque a organización constrúe comunidade, non só programación

Detrás hai mocidade galega residente en Bruxelas. Hai traballo asociativo. Hai coidado nos detalles. Hai vontade de facer país dende fóra.

E iso tradúcese nunha experiencia fluída, nun ambiente amable e nunha programación coherente.


Bonus track: a expedición

Hai algo que diferencia EmigraSON doutros eventos: a expedición.

O festival invita a xornalistas, divulgadores e creadoras e creadores de contido que están marcando conversa cultural na comunidade. Moitos deles referentes na defensa e uso da lingua galega nas redes.

Alí comparten hoteis, viaxes, tempos mortos, conversas cos artistas e cos equipos de produción. Créanse sinerxías reais. Non só entrevistas formais. Para quen vai nesa comitiva, a experiencia vai máis alá do escenario. Xérase tecido cultural. Xérase un relato que perdurará. E xérase un futuro que está a medrar cada ano un pouco máis..


EmigraSON medra cada ano. Medra en público, en impacto e en ambición programática.

Hai festivais que programan concertos.
Este programa reencontros.

Venres: novas voces e diáspora en La Tricoterie

A primeira xornada estará marcada pola diversidade xeracional e estilística. Subirán ao escenario 9Louro, Fer —no que será o seu único concerto en Bruxelas—, Paloma Paloma e Duendeneta Dilleis.

A noite completarase cunha foliada tradicional a cargo da ACG A Roda e da Irmandade Galega na Suíza, trasladando á capital europea o pulso da diáspora helvética. Electrónica, canción urbana e tradición compartirán espazo nunha mesma celebración colectiva a dous mil quilómetros de Galicia.

Sábado: consolidación en La Madeleine

O sábado será o momento dos proxectos que están a marcar o presente con maiúsculas da música galega. Baiuca, cunha traxectoria que o levou a encher salas en cidades como Londres ou Lisboa, encabezará unha xornada que tamén contará co directo expansivo de The Rapants, que pechan en Bruxelas a súa xira de La Máquina del Buen Rollo. A enerxía verbenística de Ortiga e a coidada voz de Sabela completan unha noite pensada para situar a escena galega nun diálogo directo co público europeo.

Para rematar, subliñar que o apoio institucional desta edición reforza unha idea que xa se percibe no ambiente. A cuarta edición do EmigraSON conta coa colaboración de Xunta de Galicia, Turespaña, Instituto Cervantes, Evolta (unha marca de FINSA), AirEuropa, Deleite, Liporca e Aí Falaches, ademais dos tres eurodeputados galegos Francisco Millán Mon, Nicolás González Casares e Ana Miranda Paz.

Bruxelas será esta fin de semana moito máis ca un punto no mapa. Será un lugar onde a música funciona como ponte da nosa cultura.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *