O artista galego Kid Mount acaba de publicar en plataformas dixitais o seu novo EP, Perreo Paradiso, un traballo de cinco temas no que afonda no imaxinario e nos sons do reguetón dos anos dous mil. O proxecto, desenvolvido xunto ao produtor Yuly, recupera o magnetismo do xénero que popularizaron figuras como Daddy Yankee ou Don Omar e lévao ao seu propio territorio emocional e estético.
O EP está formado polas cancións Intro ó Paraíso, Sudor e Bellakeo, NososDous, Quédate Conmigo e Esta Vida Pide Outra. A publicación chega apenas unha semana despois do adianto NososDous e funciona como unha invitación ao “paraíso” particular do artista: un espazo simbólico onde o pracer, o baile e a liberdade de sentir ocupan o centro.
A dimensión audiovisual tamén forma parte esencial do lanzamento. Perreo Paradiso chega acompañado dun videoclip conxunto para os temas Intro ó Paraíso e Sudor e Bellakeo, ademais de varios visualizers para o resto das cancións. As pezas, creadas por Lorenzo Negueruela e Yago Rodríguez, mesturan iconografía sacra, estética reguetonera e escenas de vida cotiá para construír unha especie de liturxia pagá arredor do corpo, o baile e o desexo.
Nado en Xinzo de Limia en 2004, Kid Mount leva desde 2021 abrindo camiño dentro da escena urbana galega. En 2023 publicou o seu primeiro álbum, Ben Mal, e nos últimos anos consolidou unha comunidade de público fiel que supera os 21.000 oíntes mensuais en Spotify. En 2025 ampliou o seu universo creativo con NeoAmor e co EP colaborativo Amor e Outras Drogas xunto a 9Louro.
O novo traballo presentarase en directo o 12 de marzo na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, dentro do ciclo Primavera Cultural da USC, e o 9 de abril en Lugo, nun formato de concerto pensado como unha experiencia inmersiva arredor do universo de Perreo Paradiso.

