Valeria Castro actuará o vindeiro 27 de agosto no Parque de Santa Margarida dentro dun novo ciclo de concertos de verán na cidade que aposta por formatos máis coidados e aforos afastados da lóxica dos grandes festivais. A artista canaria incorpórase así a unha programación que xa anunciara previamente a presenza de Judeline e que busca situar A Coruña como escenario de directos cunha dimensión máis próxima e detallista.
Con 26 anos, Valeria Castro chega a este novo directo galego nun momento de consolidación evidente. O seu segundo álbum, El cuerpo después de todo, será o eixo principal dun concerto no que continuará desenvolvendo unha etapa marcada por unha escrita máis consciente, arranxos delicados e unha voz que foi gañando peso dentro da música estatal contemporánea. O disco, producido por Carles Campi Campón, foi gravado entre México e España e amplía a dimensión emocional dunha proposta que medrou moito dende o seu debut.
Ese momento tamén se reflicte no recoñecemento recente da industria independente: o álbum acaba de recibir seis candidaturas nos Premios MIN, entre elas álbum do ano, mellor produción musical, mellor disco de raíz, mellor canción e mellor videoclip. Un novo paso nun percorrido no que tamén figuran un Premio Ondas, varias nominacións aos Latin Grammy Awards e colaboracións con artistas como Sílvia Pérez Cruz, Natalia Lafourcade ou Julieta Venegas.
O concerto coruñés insírese ademais nunha xira internacional ampla que levará a artista por 17 países e grandes recintos como o Movistar Arena ou o Palau Sant Jordi, combinando eses espazos de grande capacidade con paradas onde a escoita e a atmosfera teñen outro ritmo.
As entradas sairán á venda o 9 de marzo ás 11:00 horas a través de Ataquilla e Ticketmaster.

