Silvia Penide asume a dirección de Elas Son Artistas nunha novena edición que amplía o diálogo arredor da igualdade nas artes

O ciclo metropolitano Elas Son Artistas abre unha nova etapa na súa novena edición coa incorporación de Silvia Penide como nova directora artística. A compositora coruñesa colle o relevo de Yolanda Villa, figura clave no nacemento e consolidación dun proxecto que dende 2018 leva situando o foco na creación feminina dentro das artes e da música na área metropolitana da Coruña.

O ciclo nacera aquel ano ao abeiro dun Premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña e foi medrando ata converterse nun espazo estable de programación, reflexión e visibilidade arredor das creadoras. Yolanda Villa continuará vinculada ao proxecto como directora honorífica, mentres que na dirección artística e de produción seguirá Tomi Legido, desde a promotora coruñesa Dezdedez.

Antes do inicio dos concertos, a programación arrancará cunha proposta centrada no pensamento e no intercambio de experiencias profesionais. O martes 17 de marzo celebraranse dúas mesas redondas consecutivas nas instalacións de Coca-Cola en Alfonso Molina, con entrada libre previa inscrición recomendada. A moderación correrá a cargo de Tesa Díaz-Faes, nun encontro que reunirá voces de distintos ámbitos creativos como Estíbaliz Veiga, Lucía Veiga, Candela Liste, a propia Silvia Penide e a xestora cultural Ángela Vila.

O apartado musical botará a andar en abril. A festa de presentación terá lugar o 9 de abril na Sala Mardi Gras coa actuación de Georgina, unha artista cunha traxectoria consolidada no ámbito da canción de autor en español.

O arranque oficial do ciclo será o 24 de abril en Oleiros, no auditorio de A Fábrica de Perillo, coa presenza de La Otra, unha das voces máis recoñecibles da canción de autor contemporánea de raíz social, cunha conexión moi sólida co público novo e cos circuítos alternativos de España e Latinoamérica.

Nos meses seguintes, Elas Son Artistas continuará o seu percorrido por sete concellos —A Coruña, Arteixo, Betanzos, Carral, Culleredo e Oleiros— combinando concertos, encontros e obradoiros. O ciclo mantén así unha identidade que vai máis alá da programación musical: crear espazos de presenza continuada para artistas mulleres nun contexto cultural onde a igualdade segue precisando estruturas que a sosteñan no tempo

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *