Quinkillada volve á rumba en “Quinkirumba” e pon data ao arranque da súa nova xira

Quinkillada xa ten novo single en circulación. A banda do Morrazo vén de publicar “Quinkirumba”, un tema co que mira cara atrás para reencontrarse coa semente do seu son e, ao mesmo tempo, reforza esa ligazón coa festa popular que vén definindo o seu percorrido dende os inicios.

A nova canción funciona como unha volta consciente ás orixes. A rumba, presente no ADN musical do grupo dende os seus primeiros pasos, convértese aquí no centro dunha peza que tamén serve como xesto de agradecemento ao público. O espírito do tema nace desa escena recoñecible en tantas noites de concerto, cando todo semella rematar, pero o alento da xente empurra a banda a tocar unha máis. Nese impulso entre escenario e pista está boa parte do sentido de “Quinkirumba”.

O sinxelo tamén recupera unha parte importante do pasado de Quinkillada. Nos seus comezos, o grupo medrou versionando cancións coñecidas, actuando en festivais e absorbendo a pegada de artistas e escenas que hoxe seguen presentes no seu imaxinario. Esa lembranza aparece agora reformulada cun selo propio, dende unha produción traballada con calma e cun enfoque máis emocional do habitual. Segundo trasladan, foi un tema cociñado a lume lento, pasando por distintos estados ata atopar a forma definitiva.

Este lanzamento chega, ademais, acompañado do anuncio do inicio da súa nova xira, Entre Cumbias e Rumbas, que botará a andar o 2 de maio cun concerto especial na sala O Adro. A actuación servirá tamén para celebrar o quinto aniversario da banda, nun directo co que prometen trasladar o seu universo festivo ás salas, festas e festivais dos próximos meses. As entradas xa están dispoñibles en Entradium.

No horizonte inmediato xa aparece tamén unha das citas máis sinaladas do seu calendario: a súa participación no SonRías Baixas, unha parada especialmente simbólica para un grupo que xoga na casa e que mantén unha relación emocional evidente cun festival ao que acudían moito antes de subir aos seus escenarios. Esa conexión co territorio e coa celebración segue sendo unha das claves para entender a identidade de Quinkillada.

Co paso dos anos, a banda foi consolidando unha proposta que mestura cumbia, rock, ska e outros ritmos bailables cunha personalidade moi pegada á verbena galega. O seu percorrido, con máis dun cento de concertos e presenza en festivais e salas de referencia, foi construíndo un espazo propio dentro da música galega recente.

Primeiras datas da xira Entre Cumbias e Rumbas:

02/05 · Sala O Adro · Cangas
30/07-01/08 · Festival SonRías Baixas · Bueu

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *