A marca galega Vazva e Iván Ferreiro presentan unha nova colaboración coincidindo coa xira Hoy por Ayer, o formato co que o músico vigués celebra 35 anos de traxectoria recuperando cancións de distintas etapas da súa carreira, cun repertorio no que conviven composicións do seu percorrido en solitario e temas fundamentais de Los Piratas.
É a segunda vez que ambas partes desenvolven unha proposta conxunta. Nesta ocasión a colección constrúese arredor dun suadoiro e varias camisetas de edición limitada nas que o elemento central é precisamente o repertorio do directo: unha das pezas incorpora na súa parte traseira o setlist completo da xira, convertendo as cancións nun sinal gráfico da proposta.
A mensaxe que acompaña a edición reforza tamén ese vínculo co territorio: “Unidos por Galicia. Polo local. Polo próximo. Pola nosa casa e polo coidado do que nos rodea”, nunha liña coherente coa identidade dunha marca que leva anos conectando roupa, proximidade e cultura.Baixo a frase “35 anos de cancións para lembrar o vivido e nomear o que está por vir”, a colección funciona como prolongación material dun directo que percorre diferentes momentos creativos de Iván Ferreiro.
O setlist que aparece impreso na camiseta e no suadoiro recolle, por orde, Extrema pobreza, Casa, Hoy por Ayer, M, Dormilón, Pájaro azul, Matadero clandestino, El equilibrio es imposible, El pensamiento circular, Jugar con los coches, Te echaré de menos, Pinball, SPNB, Promesas, Reiniciar, Fecha caducada, El viaje de Chihiro, Mi coco, Cómo conocí a vuestra madre, Años 80 e Turnedo. Un compendio da súa etapa en Piratas xunto a grandes éxitos da carreira en solitario.
A colección xa está dispoñible nas tendas físicas e na tenda en liña de Vazva, ademais dos concertos da propia xira.

