A banda do Condado continúa a dar pasos firmes na súa traxectoria con “Todo é imposible”, un novo lanzamento no que amplían o seu espectro sonoro. O tema, publicado o pasado 13 de marzo, conta coas colaboracións de Amorodo e Thatbassdj, dúas figuras que achegan novas texturas á proposta.
“Todo é imposible” constrúese arredor da dificultade do acceso á vivenda. A partir de aí, Exeria articula un tema que combina unha lírica directa cunha estrutura pensada para quedar, con retrousos recoñecibles e unha base na que aparecen elementos como o scratch, ampliando o seu rexistro habitual.
A presenza de Amorodo encaixa con naturalidade nese xiro. O artista leva anos desenvolvendo un proxecto híbrido dentro do hip hop en galego, no que conviven crudeza e reflexión xeracional. Pola súa parte, Thatbassdj suma experiencia e precisión dende a produción e os pratos, reforzando a dimensión rítmica do tema.
Exeria chega a este punto tras un percorrido sostido, con presenza en plataformas e espazos diversos e cunha actividade constante en directo por toda Galicia, tanto en formato eléctrico como acústico. O seu paso por escenarios como a Sala Capitol ou festivais como Revoltallo forma parte dun camiño que tamén tivo recoñecementos en certames como Trece Roeis ou Salvaxesons.
Este novo sinxelo encaixa dentro dunha serie de lanzamentos recentes nos que a banda foi afinando discurso e son, con títulos como “Moderado, Moderado” ou “Televisión”. Ao mesmo tempo, funciona como antesala dun EP no que xa están a traballar, mantendo ese pulso entre inmediatez e evolución.
Hai unha sensación de apertura neste momento da banda. “Todo é imposible” suma nomes, ensancha o lugar dende o que falan e o xeito no que o fan.

