Vetusta Morla volve aos escenarios en 2026 cunha nova xira titulada Canciones de ida, unha proposta concibida como regreso ao directo e tamén como punto de partida dunha nova etapa creativa. A banda madrileña presentará cancións inéditas nun formato moi concreto, en só sete cidades en todo o Estado.
A xira pasará o 7 de novembro pola Coruña, cun concerto no Coliseum que se integra dentro dun percorrido que arrinca en Barcelona e remata en Madrid, pasando tamén por Valencia, Pamplona, Málaga e Sevilla.
Datas confirmadas:
- 02/10 – Barcelona (Palau Sant Jordi)
- 09/10 – Valencia (Roig Arena)
- 24/10 – Pamplona (Navarra Arena)
- 31/10 – Málaga (Auditorio Municipal Cortijo de Torres)
- 07/11 – A Coruña (Coliseum)
- 14/11 – Sevilla (Live Sur Stadium)
- 21/11 – Madrid (Movistar Arena)
Dende a propia comunicación da banda, dirixida á súa comunidade de seguidores —os chamados “Valientes”—, percíbese unha idea clara de regreso cercano “Vernos volver. Volver a vernos”. Unha frase sinxela que sitúa o foco tanto na banda como no público, reforzando esa relación construída ao longo dos anos arredor do directo.
A preventa exclusiva para esta comunidade activarase o 24 de marzo ás 12:00, mentres que a venda xeral abrirá o 26 de marzo á mesma hora a través das canles oficiais do grupo.
O formato escollido —poucas cidades e grandes recintos— volve poñer enriba da mesa un modelo cada vez máis presente: o concerto como evento puntual e concentrado. Unha fórmula que amplifica o impacto e a expectativa, pero que tamén redefine os tempos e os espazos de encontro entre artistas e público.
En novembro, ese encontro terá unha das súas paradas na Coruña. Un regreso que se anuncia como novo comezo.

