O proxecto en solitario do músico e produtor vigués Adrián Callejo comeza a súa etapa discográfica coa publicación de ‘Déixame bailar (Queimadura)’, primeiro sinxelo de Moscoso, o seu álbum debut. O disco verá a luz o 23 de abril de 2026 baixo o selo Escoita.
Calllejo é o proxecto de Adrián Callejo Moscoso (Vigo, 1993), músico multiinstrumentista e produtor. Tras liderar a banda Nítido, iniciou este camiño en solitario durante a pandemia, incorporando a electrónica ao seu proceso creativo e desenvolvendo unha proposta que combina galego e castelán nas súas letras.
Este primeiro adianto sitúa a proposta de Calllejo nun punto de encontro entre a electrónica, o indie e o pop, cunha aposta clara polo pulso rítmico e unha intensidade emocional que atravesa a canción. A peza funciona tamén como eixo narrativo dentro do propio álbum.
Na súa letra, ‘Déixame bailar (Queimadura)’ céntrase en relacións que deixan pegada interna. O relato avanza dende unha sensación de asfixia cara a unha decisión de ruptura, articulando un proceso de liberación persoal no que o corpo e o movemento adquiren protagonismo. O baile aparece como xesto de afirmación e recuperación da identidade.
Moscoso recolle dez cancións compostas ao longo de cinco anos, cunha construción que alterna momentos de introspección con outros de maior carga enerxética. O disco foi producido xunto a Rotce, músico de Montedapena e Lontreira, con traballos previos para Laura Lamontagne e Nuntia. O conxunto define unha identidade sonora ligada á electrónica e ao pop contemporáneo cunha base emocional marcada.
A saída do álbum estará acompañada do primeiro concerto de Calllejo, que terá lugar o propio 23 de abril na sala La Fábrica de Chocolate de Vigo. Sobre o escenario presentará o proxecto en formato banda, acompañado á batería por Ester Pérez, integrante de The Dawlins.

