LAW detén o tempo en “Mañá De Domingo”, primeiro adianto do seu novo disco

A artista viguesa LAW presenta “Mañá De Domingo”, unha peza que marca o inicio dunha nova etapa e sitúa o foco nun xesto cada vez máis escaso: parar. O tema funciona como porta de entrada ao seu próximo traballo discográfico e deixa ver un cambio de pulso, máis recollido, máis atento ao detalle e á respiración das cancións.

A canción nace dunha escena concreta, unha mañá sen urxencias, e dende aí constrúe un espazo íntimo no que a voz de LAW se move con naturalidade. A produción de Rotce acompaña sen invadir, apoiándose na guitarra de Darío Pérez para dar forma a unha balada de raíz que aposta pola proximidade e pola honestidade emocional.

Hai unha idea que atravesa todo o tema: recuperar o tempo propio. Nun contexto marcado pola aceleración constante, LAW propón unha pausa consciente, un lugar onde o cotián cobra valor e onde o silencio tamén comunica. Versos como “Gaña o tempo non facendo nada / Porque esa nada é todo o que tes” sintetizan esa vontade de desacelerar e de volver habitar o presente.

O lanzamento chega acompañado dun visualizer que amplía a proposta estética da canción e reforza a súa dimensión sensorial. A peza audiovisual acompaña o ton reflexivo do tema e contribúe a crear unha experiencia máis completa arredor da escoita.

Con este adianto, LAW abre un novo camiño dentro da súa traxectoria, mantendo a conexión coa raíz e coa identidade que definiu traballos anteriores, ao tempo que explora unha escritura máis íntima e depurada. “Mañá De Domingo” xa está dispoñible nas plataformas dixitais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *