O peche de La Disfrutona abre unha reflexión sobre o equilibrio cultural na Coruña

Durante os últimos meses, A Coruña volveu ofrecer esa imaxe de cidade onde parece que todo sucede ao mesmo tempo. Nun mesmo sábado coincidían festivais, concertos en salas, programación ao aire libre, grandes nomes históricos e propostas pequenas que trataban de abrirse paso nun calendario practicamente saturado. O que durante moito tempo se reclamou como síntoma de vitalidade cultural converteuse nunha realidade evidente: hai actividade, hai circulación, hai capacidade de atraer propostas moi distintas e de encher a cidade de música en directo en múltiples puntos ao mesmo tempo.

Na mesma xornada na que se desenvolvía o Expo Rock Festival en ExpoCoruña, cun cartel no que aparecían nomes de forte arrastre popular como M Clan, El Drogas ou Soziedad Alkoholika, tamén coincidían outros eventos repartidos pola cidade: programación en salas medianas e pequenas, sesións vermú, ciclos culturais e concertos en espazos moito máis fráxiles economicamente.

Nese mesmo contexto producíase tamén o concerto de Bernal xunto a Aeronave Adolescente en La Disfrutona, coincidindo practicamente en público potencial co directo de Rufus T. Firefly, na sala Pantalán, na outra punta da cidade, unha situación que volvía poñer enriba da mesa unha realidade coñecida: cando varias propostas dialogan cun perfil de público semellante no mesmo día, a capacidade real de resposta repártese e moitas veces ningunha delas consegue a dimensión que merecería.

Poucos días despois chegaba tamén á cidade Suede, outro exemplo de como o calendario coruñés se move constantemente entre grandes reclamos internacionais, nomes consolidados e unha actividade continua que apenas deixa respiración entre unha cita e a seguinte. A cuestión xa non é só a cantidade de concertos, senón o modelo que se está consolidando arredor desa acumulación.

Porque hai unha diferenza evidente entre programar moito e construír un ecosistema equilibrado.

Os grandes eventos funcionan, teñen impacto visual, mobilizan patrocinios, ocupan conversación pública e proxectan unha idea de cidade activa e competitiva dentro do circuíto cultural estatal. Resultan atractivos, xeran movemento e forman parte dunha dimensión popular que tamén é necesaria. O problema aparece cando ese crecemento non vai acompañado dunha protección real para os formatos pequenos, que son precisamente os que sosteñen a base do tecido musical.

A noticia do peche de La Disfrutona abre unha reflexión inevitable nese sentido.

Porque La Disfrutona non era só unha sala máis dentro do mapa cultural da cidade. Era, de feito, un espazo estable, dos máis pequenos da Coruña cun formato de sala propiamente dito: escenario, equipo técnico, proximidade e unha escala asumible para proxectos que están empezando ou para bandas que necesitan facer quilómetros pola península asumindo aínda públicos reducidos.

Ese tipo de espazos teñen unha importancia que ás veces só se entende cando desaparecen.

Moitas bandas emerxentes non poden dar o salto directamente a recintos medianos nin entrar en programacións de alto impacto. Precisan lugares onde tocar diante de trinta, corenta ou cen persoas sen que iso sexa interpretado como un fracaso. Precisan escenarios onde probar repertorio, aprender a defender un directo, asumir silencios, medrar e regresar meses despois cunha relación distinta co público. Ese papel cumpriuno La Disfrutona durante estes anos.

Tamén foi un lugar onde proxectos locais convivían con bandas de fóra que chegaban á cidade dentro desa rede invisible de pequenas xiras que sosteñen boa parte da música independente real. Un espazo onde a proximidade non reducira a importancia do que acontecía, senón que a multiplicaba.

Nun contexto cada vez máis atravesado pola lóxica da rendibilidade inmediata, da cifra visible e do impacto rápido, unha sala así representaba outra forma de entender a cultura: máis paciente, máis vulnerable, máis pegada ao proceso.

E por iso o seu peche pesa máis do que pode parecer. Porque mentres a cidade suma grandes citas, perde un lugar esencial para que exista relevo. Mentres se reforza a dimensión espectacular da programación, redúcese a infraestrutura básica que permite que aparezan novas bandas, novas relacións e novas escenas.

A Coruña segue sendo unha cidade con moita actividade musical, poderiamos dicir que é a capital dos macroeventos no Noroeste peninsular, pero a pregunta que queda aberta é se esa actividade está a crecer de maneira proporcional en todas as capas.

Sen espazos pequenos, o risco é evidente: que a cidade poida acoller grandes nomes pero teña cada vez máis dificultades para acompañar o nacemento dos seguintes.

Ao final, unha escena non se sostén só polos concertos que enchen centos ou miles de persoas. Tamén se sostén por esas noites nas que unha banda toca diante de catro frikis que estamos obsesionados coa música e buscamos novas propostas.

Grazas La Disfrutona. Botarémoste de menos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *