De Ninghures e Mondra poñen banda sonora ao verán galego con “Que se nos faga de día”

O encontro entre De Ninghures e Mondra xa está aquí. “Que se nos faga de día” chega como unha desas cancións pensadas para circular entre verbenas, praias, festivais e noites longas nas que Galicia semella non querer durmir. Unha colaboración que levaba tempo orbitando na cabeza de moita xente da escena galega e que finalmente toma forma arredor dunha rumba luminosa, popular e profundamente conectada coa identidade do país.

A canción, producida por Juan de Dios Martín, recolle elementos moi recoñecibles do imaxinario colectivo galego: o salitre pegado á pel, a herba seca do verán, o fume de San Xoán, as chamadas perdidas de madrugada ou o eco dunha verbena ao lonxe. O tema sitúase nun lugar recoñecible para varias xeracións que medraron entre festas populares, foliadas e noites que rematan vendo saír o sol.

“Que se nos faga de día” tamén serve para conectar dúas propostas que comparten unha maneira moi semellante de entender a música galega actual. Tanto De Ninghures como Mondra parten da tradición popular galega como raíz creativa, mais levan esa herdanza cara a linguaxes contemporáneas, abertas e actuais. A colaboración encaixa precisamente por esa visión común de facer música conectada coa identidade e coa cultura propia sen quedar atrapada na nostalxia nin na reprodución literal do pasado.

O resultado é unha canción construída para cantar ata o mencer. Hai nela espírito de himno, pero tamén detalles moi pegados á experiencia concreta: “Estoupar os bilitroques”, “Ir por amoras” ou “Primeiro concerto do ano nun festival do verán” aparecen como pequenas imaxes que conectan a canción coa memoria emocional de toda unha xeración.

Nun momento no que a música galega vive unha expansión evidente cara a públicos cada vez máis amplos, colaboracións como esta tamén evidencian algo importante: a escena actual está construíndo un relato propio arredor da festa, da lingua e da identidade sen necesidade de desprenderse das súas raíces para soar contemporánea. “Que se nos faga de día” entra directamente nese espazo onde a tradición deixa de ser museo para converterse en celebración viva.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *