Pontevedra abraza a nova dimensión escénica de Fillas de Cassandra

A presentación dun segundo disco sempre leva dentro unha tensión difícil de medir. Máis aínda cando o debut anterior alterou tantas cousas arredor dun proxecto en tan pouco tempo. Fillas de Cassandra chegaban ao Recinto Feiral de Pontevedra coa responsabilidade de defender ao vivo un universo novo, máis ambicioso e complexo, expandido tanto no musical como no escénico. E o primeiro gran triunfo da noite foi precisamente facer que toda esa dimensión conceptual non afogase a emoción nin a proximidade.

Dende os primeiros minutos, ‘Tertúlia’ apareceu como algo máis ca un concerto. O espazo converteuse nun lugar pensado para o encontro, para o diálogo e para a palabra, coa escenografía, os movementos e as intervencións das artistas funcionando como parte dunha mesma narrativa. María SOA e Sara Faro moveron o espectáculo cunha sincronía impresionante, alternando intervencións, entradas e dinámicas cunha teatralidade moi medida que nunca perdeu naturalidade. Falaban co público de forma directa, sen distancia, sostendo constantemente a sensación de conversa.

O arranque coa secuencia formada por “saír á fresca”, “Alboroto”, “hibernarse” e “LISÍSTRATA” marcou xa o ton físico e emocional do directo. Apenas na cuarta canción ambas se lanzaron ao público, nun deses xestos que rematan por definir unha noite. A reacción da xente tamén falou do momento que atravesa o grupo. Temas publicados apenas días atrás xa eran cantados practicamente de memoria por boa parte do recinto.

A nova dimensión sonora do proxecto percibiuse especialmente na construción da banda. A incorporación de Vicky González á batería deu ao concerto unha contundencia nova, ampliando o impacto dalgúns temas sen perder o carácter híbrido e electrónico do disco. Elena Domínguez, encargada das percusións, voces e violoncello, abriu tamén novas texturas e profundidade en varios momentos do repertorio, mentres Icía Varela reforzaba esa sensación coral dende as percusións e as voces. Sobre o escenario había moito máis ca unha banda acompañando dúas voces: había unha arquitectura colectiva construída integramente por mulleres.

O concerto serviu tamén para recolocar cancións que merecían unha vida máis ampla enriba dun escenario. O EP ‘Hibernarse’ soou case íntegro, como unha reparación pendente con esas composicións que non tiveran unha xira propia na que medrar diante dun público masivo. E ao mesmo tempo, pezas con máis percorrido adquiriron outra dimensión dentro deste novo formato. “PUNHETA!” ou “AS MOIRAS” apareceron resignificadas, atravesadas pola nova narrativa de ‘Tertúlia’ e pola evolución escénica do grupo.

As colaboracións foron entrando pouco a pouco sen romper nunca o fluxo do concerto. Ede apareceu en “déixate ver”, Caamaño & Ameixeiras sumáronse en “arderse” e Pipiolas en “cuchicheo”, ampliando a idea de comunidade e intercambio que atravesa todo o álbum. Máis adiante chegaría Zetak en “bUCÓLICA”, antes dun dos momentos máis impactantes da noite: a entrada de Abraham Cupeiro, acompañado polo seu carnyx, para “CASSANDRA”, inaugurando o tramo final cunha forza case ceremonial.

Durante toda a actuación sobresaiu a capacidade de soste-la intensidade sen abandonar nunca a entrega emocional. O concerto esixía moito no físico e tamén no mental, mais María SOA e Sara Faro mantiveron durante toda a noite unha enerxía expansiva, atravesada continuamente por sorrisos e complicidade. Non había sensación de estar executando unha función pechada, senón de habitar realmente ese espazo común que o propio disco propón.

Con ‘Tertúlia’, Fillas de Cassandra non só presentaron un novo repertorio. Presentaron unha forma de entender o directo política e emocional ao mesmo tempo. Un espectáculo que confirma o enorme momento creativo do dúo vigués e que deixa claro que a súa ambición artística segue medrando sen perder identidade nin conexión coa xente.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *