True Mountains anuncia novo EP, abre a prevenda DIY e adianta novas datas de concerto

A banda galega True Mountains continúa dando forma á súa nova etapa coa chegada dun novo EP que verá a luz o vindeiro 4 de xuño. O grupo leva meses traballando neste lanzamento xunto ao produtor Meju nos estudios La Cortina Roja, nun proceso que definen como “unha experiencia incrible en todos os niveis”.

O primeiro adianto do traballo xa está dispoñible e serve como porta de entrada a un EP que mantén esa combinación entre intensidade emocional, guitarras rápidas e abertas e unha forma moi honesta de entender o formato banda, ademáis facelo en galego, o cal parece que vai estar máis presente que en traballos anteriores. O proxecto chega ademais acompañado dunha nova tanda de concertos que permitirá presentar estas cancións ao vivo nas próximas semanas.

Mentres se achega a data de lanzamento, o grupo abriu tamén unha prevenda especial na súa web oficial cunha edición DIY de camisolas e CDs dispoñible ata o 15 de maio. Os pedidos enviaranse a partir da saída oficial do EP, reforzando esa conexión directa e artesanal que a banda leva tempo cultivando coa súa comunidade.

O seguinte adianto do disco publicarase o próximo 16 de maio, continuando así a conta atrás dun traballo que chega nun momento de consolidación para a formación. Nun contexto cada vez máis acelerado e inmediato, True Mountains segue apostando por construír os seus lanzamentos dende a proximidade, o coidado estético e a autoedición como forma de identidade propia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *