Os Premios PALCO 2026 entregan os seus galardóns en Santiago

A Sala Capitol de Santiago acolleu o pasado martes 3 de novembro a segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, agora denominados Premios PALCO. A convocatoria contou con 42 candidaturas finalistas nas súas 14 categorías xerais, con representación de profesionais do son, iluminación, produción, comunicación e deseño, ademais de proxectos artísticos, festivais e salas.

O xurado estivo integrado polas asociacións AGEM, AGATEC, TESGAL, AGPXC e CLUBTURA, xunto con persoas e proxectos premiados na anterior edición. As candidaturas reuniron traballos vinculados a artistas como The Rapants, Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, Treixadura, Bala, Carlos Ares, Dani Cornes, Xoel López, Antía Muíño, De Ninghures ou Mondra, así como diferentes iniciativas e espazos da actividade musical galega.

A relación de proxectos premiados e finalistas nesta edición é a seguinte:

  • Mellor deseño de iluminación. Premio para Laura Iturralde e José Faro, por Gala i Ovidio. Tamén eran finalistas Álvaro Moreno, por The Rapants, e Gabriel Alvarado, por Treixadura.
  • Mellor implementación de son. Premio para Ricardo Barroso, por The Rapants. Completaron as candidaturas Nerea Bello, por Bala, e Rubén Montes, por Carlos Ares.
  • Mellor produción de servizos. Premio para Global Setup, nunha categoría na que tamén eran finalistas Emsac e Kachet.
  • Mellor profesional de produción. Premio para Olalla Camaño, xunto ás candidaturas de Adela Otero e María Galdón.
  • Mellor mánager. Premio para Álvaro Creo, de Off Stage. Tamén eran finalistas Aitana Cuétara, de Luneda, e Alberto Lora e Carles Montalt, de Galunk.
  • Mellor produción discográfica. Premio para Iago Pico, Gabi Fernández e Tanxugueiras, por O Cuarto. As outras candidaturas foron Dani Cornes e Crnds, por Aquí sempre tes casa, de Dani Cornes, e Xoel López e Adrián Seijas, por Oniria Popular, de Xoel López.
  • Mellor posta en escena. Premio para As dúas e punto, por Tertúlia, de Fillas de Cassandra. Tamén competían Laura Iturralde e José Faro, por Gala i Ovidio, e The Rapants crew, por Rapants Club.
  • Mellor promotor ou programador. Premio para Alberto Alfonso, de Art Music Agency. Completaron a categoría David Pedrouzo, de Todomedre, e Suso Santamaría e Iván Viturro, da Pousada da Galiza Imaxinaria.
  • Mellor proxecto de comunicación. Premio para EmigraSON, xunto ás candidaturas de Lucía Pita, por Tertúlia, de Fillas de Cassandra, e PortAmérica.
  • Mellor identidade visual. Premio para Zeltia Iglesias, polo seu traballo con Mondra. Tamén eran finalistas Julia Salgado Barca, Mar Suárez e Agustina Shuan, por Anfibia por veces, de Antía Muíño, e Melania Freire, polo seu traballo con De Ninghures.
  • Mellor evento cultural ou musical. Premio para AC Fanto Fantini — Osa do Mar, nunha categoría que completaban PortAmérica e Resurrection Fest.
  • Mellor videoclip. Premio para Juan Barbazán, Sergio Goce e Manuel Seoane, por «Non sei como», de The Rapants. As outras candidaturas foron Daniel Pérez, El Membrillo, por «subir subir», de Karmento e Mondra con El Nido, e Daniela Rey Faraldo, por «Simplemente», de Candela Liste.
  • Mellor espazo musical. Premio para Sala Rebullón, xunto ás candidaturas de A Cofradía Taberna Cultural e Mardi Gras.
  • Mellor proxecto de sustentabilidade. Premio para Sinsal, nunha categoría na que tamén eran finalistas Arteficial e PortAmérica.

A estes galardóns sumáronse os dous recoñecementos directos concedidos pola Xunta Directiva de AGEM: Artista do Ano para The Rapants e Persoa do Ano para a Fundación Paideia. Pola súa parte, Surfing The Lérez recibiu por segundo ano consecutivo o Premio á Excelencia na Experiencia do Público, decidido mediante votación popular.

Os premios están organizados por AGEM e a Xunta de Galicia, a través de Agadic e os Concertos do Xacobeo, co apoio da Deputación da Coruña. A gala, presentada por Carlota Mosquera e pechada cunha sesión de Kris K DJ, abriu a programación de PALCO, o encontro profesional que se celebra os días 4 e 5 de novembro no Museo Gaiás da Cidade da Cultura.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *