A apertura dunha nova sala de concertos debería ser sempre motivo de celebración para unha cidade. Máis escenarios, máis oportunidades para os artistas, máis posibilidades para os promotores e unha oferta cultural máis ampla para o público. Baixo esta premisa, a inminente inauguración da sala Maré, en pleno porto da Coruña, semella unha excelente noticia para a escena musical local. Porén, abonda con analizar o contexto que atravesa a música ao vivo na cidade para que aparezan algunhas reflexións ou dúbidas razoables sobre as súas verdadeiras consecuencias.
Maré ocupará o espazo do antigo Dux e terá unha capacidade aproximada de 500 persoas. A súa xestión correrá a cargo do Grupo Pelícano, que xa controla dous dos principais espazos musicais da cidade: INN Club, cunhas 600 persoas de capacidade, e a propia sala Pelícano, que pode acoller arredor de 3.000 espectadores. Tres recintos situados a escasos metros de distancia e con diferentes capacidades que permiten ao mesmo grupo empresarial cubrir boa parte das necesidades dos promotores, de certo nivel, que buscan organizar concertos mínimamente trascendentes na Coruña. Unha estratexia empresarial perfectamente comprensible que, con todo, merece unha reflexión sobre a progresiva concentración do negocio musical.
A dimensión do Grupo Pelícano vai bastante máis alá destes tres locais. Segundo a súa propia información corporativa, xestiona once espazos de lecer nocturno, catro establecementos de hostalaría e seis marcas de eventos entre A Coruña e Santiago de Compostela. A nova sala chega, ademais, despois de que o grupo deixase de xestionar o histórico Playa Club durante este verán. Sería inxusto ignorar que tanto Pelícano como INN Club acolleron numerosos concertos de interese e contribuíron a que grandes xiras nacionais e internacionais atopasen acomodo na cidade. Pero resulta igualmente necesario distinguir entre crecemento empresarial e crecemento cultural. Que unha compañía aumente a súa capacidade de negocio non implica necesariamente que a escena musical da súa contorna se fortalezca na mesma proporción.
Porque tampouco sabemos ata que punto A Coruña pode seguir absorbendo unha oferta musical cada vez maior? Falamos dunha cidade de pouco máis de 250.000 habitantes, aínda que a súa área de influencia supera amplamente os 460.000. Malia esas dimensións, o calendario de concertos e festivais resulta extraordinariamente intenso. O Coliseum, con capacidade para cerca dos 10.000 espectadores, converteuse nunha parada habitual dalgunhas das grandes xiras que percorren España. Só durante 2026, polo seu escenario pasaron ou pasarán artistas como Aitana, La Oreja de Van Gogh, Tanxugueiras, Melendi, Tom Jones ou Bryan Adams. A esa actividade súmase unha tempada estival ateigada de propostas como Coruña Sounds, Morriña Fest, Atlantic Pride, Noites do Porto ou o Festival Noroeste Estrella Galicia, ademais de numerosos ciclos e concertos organizados en distintos espazos públicos e privados.
É indiscutible que esta abundancia de eventos sitúa A Coruña nunha posición privilexiada dentro do circuíto musical galego. A cidade atrae público doutros concellos e provincias, xera actividade económica e permite gozar de artistas que hai anos dificilmente incluirían Galicia nas súas xiras. Sería absurdo cuestionar estes beneficios. Pero tamén existe unha realidade que poucas veces aparece nas celebracións institucionais ou nos balances empresariais: o público dispón dunha cantidade limitada de cartos e de tempo para asistir a concertos. Unha entrada de 60, 80 ou 100 euros para un gran espectáculo pode consumir boa parte do orzamento cultural que ten destinado unha persoa para invertir en concertos. E cada nova data anunciada compite, dalgún xeito, pola atención duns espectadores que xa teñen suficientes dificultades para seguir o ritmo da programación.
Esta preocupación tampouco é unha simple impresión persoal. A asociación galega de salas Clubtura advertía a finais de 2025 de que a acumulación de grandes concertos, moitos anunciados con meses de antelación, estaba condicionando a asistencia aos espazos pequenos e independientes. As súas salas asociadas organizan máis de 600 actuacións anuais só na Coruña. Unha cantidade considerable que demostra a vitalidade do circuíto, pero tamén a enorme presión existente para atopar público. En maio deste ano, Tomi Legido, programador de Mardi Gras, explicaba como un concerto de Arizona Baby coincidira coa actuación de Iván Ferreiro no Coliseum e co Touliña Pop de Sada, prexudicando as súas previsións de asistencia . Mesmo intentara impulsar un calendario compartido entre distintos espazos para evitar determinadas coincidencias, unha iniciativa que finalmente non prosperou (Fernando Molezún, La Voz de Galicia, 18 de maio de 2026. «Recuerdo dos conciertos buenísimos con solo seis personas de público»).
A situación resulta especialmente preocupante cando observamos o que sucede na base do noso ecosistema musical. En marzo pechaba La Disfrutona, un espazo que acollera máis de 300 concertos e que ofrecía oportunidades a numerosas bandas locais e proxectos emerxentes. Mardi Gras, que está cumprindo 27 anos de actividade, continúa sendo un dos grandes referentes da música ao vivo coruñesa, mantendo unha programación constante e apostando por artistas que dificilmente atoparían acomodo en circuítos máis comerciais. Garufa Club sostén outra parte desa actividade mediante unha combinación de bandas residentes, big bands, tributos e actuacións de moi diversa procedencia. Son modelos diferentes, coas súas propias particularidades, pero que comparten a dificultade de soster economicamente unha programación regular durante todo o ano.
A diferenza entre estes espazos e os grandes recintos vai moito máis alá do número de espectadores que caben diante do escenario. Unha sala de pequeno aforo cumpre unha función cultural que dificilmente pode asumir un local de 500 persoas. É onde moitos músicos ofrecen os seus primeiros concertos, onde un promotor pode arriscar cunha proposta descoñecida e onde o público descobre artistas sen necesidade de que exista previamente unha campaña de promoción detrás. Estes escenarios permiten construír relacións duradeiras coa música e xeran un tecido artístico que, co paso do tempo, pode alimentar os escenarios de maior tamaño. A súa desaparición supón perder oportunidades de desenvolvemento para quen aínda non ten suficiente capacidade de convocatoria, pero tamén para proxectos cun carácter máis experimental ou disidente. As consecuencias van moito máis alá do debilitamento da estrutura e da loxística cultural. Do mesmo xeito que acontece nun ecosistema natural, a desaparición dunha parte da súa diversidade acaba afectando ao conxunto, favorecendo unha oferta musical cada vez máis comercial, previsible e homoxénea.
Tampouco podemos esquecer que a sustentabilidade dunha sala depende de moito máis que da venda de entradas. Os custos de persoal, equipos, subministracións e mantemento obrigan a traballar con marxes moi axustadas, mentres que a rendibilidade de moitas noites depende directamente do consumo na barra. Cando unha gran parte da actividade musical se concentra en acontecementos multitudinarios que teñen a súa propia rede de hostelería nese mesmo espazo, resulta cada vez máis complicado manter unha programación independente capaz de asumir riscos. O paradoxo é evidente: unha cidade pode bater récords de asistencia a concertos mentres algúns dos seus escenarios máis importantes para a creación musical atopan dificultades para chegar a fin de mes.
Neste contexto, a chegada de Maré formula unha incógnita que aínda está por resolver. As súas primeiras propostas anunciadas amosan unha clara vinculación coa música electrónica, con actuacións como a de Roger Sánchez e sesións do coñecido ciclo Mestizo, aínda que tamén comezan a aparecer concertos de artistas como Gara Durán, Miguel Costas, Nat Simons ou Rubén Pozo. A diversidade da súa programación dependerá de como evolucione o proxecto durante os próximos meses. Sería magnífico que este novo espazo apostase por artistas locais, propostas emerxentes e xéneros menos comerciais, ampliando as oportunidades dispoñibles para músicos e promotores. O preocupante sería que a apertura servise principalmente para reforzar a posición empresarial dun grupo que xa dispón de numerosos recursos e espazos dentro do lecer nocturno da cidade e desplazase definitivamente ás pequenas e medianas salas da cidade provocando o seu peche de forma indirecta.
Porque a concentración de recintos baixo unhas mesmas mans pode acabar condicionando que artistas atopan escenarios dispoñibles, que promotores teñen capacidade para organizar concertos e que propostas reciben unha oportunidade. Non fai falta falar de monopolios para recoñecer que a diversidade empresarial tamén resulta importante para a diversidade cultural. Unha escena saudable necesita distintas sensibilidades á hora de programar, proxectos con identidade propia e espazos onde o criterio artístico teña capacidade para convivir coas esixencias económicas.
Quizais A Coruña deba comezar a preguntarse que modelo musical quere construír durante os próximos anos. Conseguimos atraer grandes xiras, multiplicar os festivais e converter a música ao vivo nun dos principais atractivos culturais da cidade. Son avances que merecen ser recoñecidos. Pero sería conveniente acompañalos dunha reflexión sobre os seus límites, sobre a convivencia entre formatos e sobre as condicións que necesitan as salas independentes para seguir desenvolvendo o seu traballo. Programar máis concertos non garante, por si mesmo, un futuro mellor para os nosos músicos.
Oxalá Maré se converta nunha sala relevante, cunha programación diversa e capaz de ofrecer novas oportunidades á escena coruñesa. Sería unha magnífica noticia. Pero quizais deberiamos deixar de medir a saúde cultural dunha cidade exclusivamente polo número de concertos que anuncia ou polos milleiros de persoas que reúne diante dos seus grandes escenarios. A verdadeira fortaleza dunha escena musical tamén reside na súa capacidade para soster os proxectos pequenos, garantir a remuda xeracional e permitir que convivan distintas formas de entender a cultura.
De pouco serve celebrar que unha nova sala abre as súas portas se, mentres tanto, seguimos perdendo os escenarios que fixeron posible que a nosa música chegase ata aquí.

