As modas son pasaxeiras, pero Tanxugueiras, afortunadamente, hai tempo que deixaron de ser unha moda. A súa traxectoria transcendeu o estritamente musical ata convertelas en figuras imprescindibles para comprender o momento que atravesa a cultura galega. O vivido, por segunda vez, no Coliseum da Coruña foi moito máis ca un concerto.
Nove coristas, cinco bailaríns, tres multiinstrumentistas e un desfile de colaboracións estelares deron forma a un espectáculo esixente, ambicioso e, por riba de todo, emotivo. Un concerto de estrelas pop practicamente redondo, cunha elegancia, un coidado estético e unha mensaxe que xa quererían para si moitos fenómenos do mainstream. Desde a contundencia inicial ata o despregamento final, Tanxugueiras demostraron que é posible levantar unha produción de enormes dimensións sen perder a identidade que as trouxo ata aquí.
O repertorio permitiu ademais descubrir as distintas caras do proxecto. Houbo espazo para recuperar as raíces máis tradicionais da súa música, para celebrar a súa conexión coa escena contemporánea e para compartir protagonismo con artistas como Caamaño & Ameixeiras, María José Llergo, Juancho Marqués, Valeria Castro ou Baiuca. Especialmente significativo resultou ese encontro entre xeracións, sensibilidades e maneiras de entender a música. Unha reivindicación da comunidade que acadou un dos seus momentos máis representativos con «Salitre», un tema inédito no que colabora Baiuca, e que no directo xuntou con dous estandartes das asociacións de cantareiras como son Lilaina e Lagharteiras.
Pero, máis alá das coreografías perfectas, das harmonías vocais e da espectacularidade escenográfica, o verdadeiramente extraordinario foi comprobar como a emoción conseguía impoñerse a calquera artificio. Nun tempo no que os grandes directos parecen medidos ao milímetro, resulta fermoso contemplar unhas artistas que choran, se amosan vulnerables e expresan un agarimo sincero cara a un público que as arroupa por moito máis ca polas súas cancións. Existe unha relación afectiva que se foi construíndo arredor de tres mulleres fundamentais para o auxe e a reivindicación da música da nosa terra.
Quizais por iso, entre tanta emoción, houbo momentos nos que parecía que acudiamos a apoiar a unhas amigas. A alegrarnos por elas, a emocionarnos cos seus logros e a devolverlles unha pequena parte do cariño que levan anos entregándonos. E tamén, dalgún xeito, a celebrarnos a nós mesmos como pobo. Porque o triunfo de Tanxugueiras séntese un pouquiño como unha vitoria de todas.

