EmigraSON regresará a Bruxelas os días 5 e 6 de marzo de 2027 para celebrar a súa quinta edición. Baixo o lema «Unha viaxe de ida e volta», o festival reunirá a Carlangas, Mondra, 9Louro, De Ninghures, Dani Cornes, Tapa D’Orella, Rager e a Asociación Cultural Galega A Roda.
A programación arrancará o venres 5 de marzo na sala La Tricoterie, cos concertos de Dani Cornes, Tapa D’Orella e Rager, ademais dunha foliada a cargo da Asociación Cultural Galega A Roda, procedente de Lausanne (Suíza). O sábado 6, a actividade trasladarase á sala La Madeleine, onde actuarán Carlangas, 9Louro, Mondra e De Ninghures. As entradas sairán á venda o 23 de novembro.
O festival presentou este xoves os detalles da nova edición na sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas. O artista ourensán Pruden é o responsable da imaxe gráfica desta edición, protagonizada por unha rapaza subida a un tren que simboliza a conexión entre Galicia e as persoas que viven no exterior.
Dende a súa primeira edición autoxestionada en 2023, na que congregou arredor de 200 persoas, EmigraSON converteuse nun dos principais escaparates internacionais da música galega contemporánea. Polos seus escenarios pasaron artistas como Tanxugueiras, Baiuca, The Rapants, Fillas de Cassandra, Ortiga ou Terbutalina.
Na súa última edición, o festival reuniu preto de 2.000 persoas procedentes de 17 países diferentes. Ademais, ao longo da súa traxectoria mobilizou máis de 250 profesionais do sector musical galego, entre artistas, persoal técnico, representantes, equipos de produción e profesionais da comunicación.
Este labor vén de ser recoñecido por partida dobre co Premio da Cultura Galega na categoría de Proxección Exterior e co Premio PALCO ao Mellor Proxecto de Comunicación, dous galardóns que avalan a evolución dunha iniciativa nacida da propia comunidade emigrante.
EmigraSON exemplifica a capacidade da música para vertebrar comunidades, xerar redes culturais e fortalecer o sentimento de pertenza. Un festival que reivindica a diáspora como parte activa da cultura galega contemporánea.

