Glockenwise presentan o seu novo disco con dous concertos en Vigo e Santiago

A banda portuguesa Glockenwise chega esta fin de semana a Galicia para presentar Vale tudo para chegar a algum lado, o seu sexto traballo discográfico. O cuarteto de Barcelos actuará o venres 30 de outubro na Fábrica de Chocolate de Vigo e o sábado 31 no Riquela Club de Santiago de Compostela, nas que serán as primeiras presentacións do álbum en territorio español. En ambas as citas estarán acompañados por Guilherme Zapata.

Publicado o pasado 23 de setembro a través de Vida Vã, o selo da propia banda, Vale tudo para chegar a algum lado afonda na evolución sonora dun grupo que leva quince anos construíndo unha identidade propia dentro do rock alternativo portugués. O disco continúa a súa aproximación ao art-pop, mantendo a enerxía guitarrística que caracterizou os seus primeiros traballos e incorporando novas posibilidades melódicas e expresivas.

O álbum toma como referencia a Guerra do Caulino, un conflito veciñal arredor da explotación deste mineral na localidade de Barqueiros, en Barcelos, que coincidiu temporalmente co nacemento dos integrantes da formación. A partir deste episodio, Glockenwise constrúen unha reflexión sobre as expectativas colectivas, as promesas de futuro e a distancia entre aquilo que unha xeración imaxinou e a realidade que finalmente lle tocou vivir.

Formados por Nuno Rodrigues, Rafael Ferreira, Rui Fiusa e Cláudio Tavares, Glockenwise consolidaron a súa presenza na escena independente portuguesa con discos como Plástico (2018) e Gótico Português (2023). Ao longo da súa traxectoria pasaron por festivais como Paredes de Coura, MEO Kalorama ou Tremor, ademais de visitar Galicia en citas como Sinsal SON Estrella Galicia e Osa do Mar.

As actuacións galegas chegan despois da presentación oficial do disco no Theatro Circo de Braga, celebrada o 10 de outubro, e antes do concerto previsto na Culturgest de Lisboa para o 16 de decembro.

Concertos en Galicia

– Vigo: Venres 30 de outubro, ás 22.00 horas, na Fábrica de Chocolate.

– Santiago de Compostela: Sábado 31 de outubro, ás 21.00 horas, no Riquela Club.

As entradas teñen un prezo de 15 euros na venda anticipada e 18 euros na billeteira.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *