Veño de saír do pase de prensa da película sobre Ana Kiro coa sensación de ter asistido a un exercicio de recontruscción do que foi Galicia na segunda metade do século XX. Un dos grandes acertos do documental é a súa capacidade para contar, a través da historia dunha artista, a historia de varias xeracións de galegas e galegos. A migración, a evolución social da nosa lingua, as transformacións da sociedade galega ou a importancia das verbenas e romarías como espazos de socialización vertebran boa parte da película.
Cun extraordinario traballo de hemeroteca e un notable coidado estilístico, o documental permite achegarse tanto á dimensión artística de Ana Kiro como á personalidade de María Dolores, unha muller libre, inconformista e decidida a percorrer os seus propios camiños nunha época na que facelo entrañaba enormes dificultades.
Un dos aspectos máis interesantes da película é como nos permite entender a capacidade reivindicativa da música popular dende as expresións máis comerciais do pop. Ana Kiro foi quen de introducir a lingua e a identidade galega en espazos de consumo masivo, de conectar emocionalmente con varias xeracións e de converter as súas cancións en himnos que nos atravesaban a todos coma galegos.
Resulta tamén especialmente pertinente reflexionar sobre como, co paso dos anos, a súa figura foi quedando apartada dunha mirada cultural contemporánea. A súa imaxe acabou asociada a unha concepción da música galega que moitos consideraban desfasada, eclipsando boa parte das súas conquistas artísticas, sociais e culturais. Algo que tamén debería facernos reflexionar sobre os prexuízos cos que historicamente valoramos determinadas expresións da cultura popular.
A película contribúe a reparar esa mirada e a reivindicar a Ana Kiro como parte fundamental do patrimonio cultural galego, tanto pola súa dimensión musical como pola súa extraordinaria capacidade comunicativa. Unha artista que soubo entender o seu público, compartir as súas inquedanzas e acompañalo emocionalmente durante décadas.
Hai moito da Galicia contemporánea na historia de Ana Kiro. Recuperar a súa historia é tamén unha froma de coñecernos mellor como país e de reconciliarnos coa nosa propia cultura popular.
Como din na película: «Morreu María Dolores. Non morreu Ana Kiro.»

