Anúnciase o cartel por días do FIV de Vilalba 2026, que se celebrará os días 24 e 25 de abril na capital chairega. O festival perfila así a súa programación cun equilibrio claro entre nomes consolidados do panorama estatal, proxectos en pleno crecemento e unha presenza destacada de propostas galegas, mantendo esa identidade híbrida entre celebración popular e escaparate musical contemporáneo.
Venres 24
A primeira xornada estará encabezada por Carlos Ares, un dos nomes galegos con maior proxección dos últimos anos, cun directo que medra en músculo e ambición escénica. Compartirá protagonismo con Alcalá Norte, banda que está a consolidar unha narrativa propia dentro do novo pop-rock estatal.
O venres complétase con Celia Becks, unha das voces máis persoais do pop alternativo recente; Futuro Alcalde, cunha proposta fresca e irónica; e a sesión de Rapariga DJ, que achegará o pulso nocturno á xornada.
Sábado 25
O sábado presenta un cartel máis coral e festivo. La M.O.D.A. lidera a xornada cun directo xa clásico nos grandes escenarios, mentres Ángel Stanich achega o seu universo lírico e psicodélico.
A representación rockera do día colle forza con Repion, dúo de enerxía crúa e emocional; Puño Dragón e reforzan o bloque de guitarras e Grande Osso pechará a noite con moito baile. A xornada complétase coa Banda de Música de Vilalba, unha das ligazóns máis claras do FIV co tecido cultural local, e co apartado máis lúdico de FIV Stars – Karaoke con Esteban, pensado como peche colectivo e participativo do festival.
Co cartel xa distribuído por días, o FIV de Vilalba reafirma o seu modelo: un festival de escala humana, atento ao presente da música estatal, e profundamente conectado co seu territorio. Unha cita que segue medrando dende a identidade, sen perder o espírito de encontro que o converteu nun referente dentro do circuíto de festivais de primavera.

