Primeiro avance do Revenidas 2026

Anúnciase o primeiro avance do Revenidas 2026, que regresará a Vilaxoán de Arousa do 10 ao 13 de setembro, reafirmando unha vez máis o seu papel como un dos encontros musicais e culturais máis singulares do verán galego. O festival volve apostar por unha mestura clara entre espírito combativo, diversidade estilística e conexión co público, nun formato que vai moito máis alá do concerto convencional.

Este primeiro anuncio está encabezado por Evaristo, figura clave da historia do punk estatal, cuxa presenza conecta directamente coa raíz máis política e inconformista do festival. Xunto a el aparece Rebeliom do Inframundo, un dos proxectos máis sólidos do rap galego actual, cun discurso afiado e un directo que converte a palabra en ferramenta de choque colectivo.

A programación avanza tamén propostas que dialogan coa festa e coa tradición dende lugares moi distintos. Kumbia Queers achegan a súa mestura explosiva de cumbia e punk. Por esos mesmos lares atópase Ilan Amores amplificando esa conexión de raices latinoamericanas.

O cartel complétase con nomes que reforzan a diversidade estética do Revenidas: Arrhythmia, presentando o seu próximo EP cun son áspero e físico dentro dun metal totalmente contemporáneo; Süne, nun rexistro máis entre a electrónica e o melódico; mentres que a rapeira viguesa, Nadie González, achega unha vertente máis narrativa e autoral ao conxunto .

Con este primeiro avance, o Revenidas comeza a debuxar unha edición que volve situar a Vilaxoán como espazo de encontro, refuxio e celebración colectiva. Un festival que entende a música como ferramenta cultural, social e emocional, e que segue construíndo identidade dende a proximidade e o compromiso co territorio.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *