Galicia suma un novo axente dentro do circuíto europeo de músicas pesadas coa proposta de Fumega Fest, un festival especializado en stoner rock, doom metal e sons afíns que encara en 2026 a súa segunda edición. O proxecto dá agora un paso adiante coa organización do concerto exclusivo en Galicia de Villagers of Ioannina City, unha das bandas máis recoñecidas da escena europea actual.
A formación grega actuará o sábado 28 de marzo na Sala Rebullón, dentro da súa xira europea Venceremos Tour 2026. A data de Mos será unha das tres únicas paradas no Estado español, xunto ás previstas en Vitoria-Gasteiz e Madrid. As entradas están xa á venda en enterticket.es.
Villagers of Ioannina City constrúen unha identidade propia a partir da fusión entre o stoner rock e a música tradicional da rexión de Epiro, integrando instrumentos de raíz e estruturas hipnóticas nun son denso e ritual. O seu directo destaca pola intensidade e pola coidada produción escénica, cun traballo de luces e son que reforza a experiencia colectiva. Con tres discos publicados —un deles gravado en directo—, a banda chega a Galicia nun momento de plena solidez artística.
Este concerto serve tamén para explicar o camiño que está a trazar Fumega Fest: un festival que, máis alá do formato de fin de semana, busca incorporar Galicia ás rutas internacionais dun xénero con forte implantación europea e pouca presenza estrutural no territorio.
Un festival en crecemento
Na súa segunda edición, Fumega Fest contará cun cartel que combina nomes de referencia continental como Stoned Jesus, Conan, Burst, Causa Sui ou Volcanova, xunto cunha presenza destacada da escena estatal, galega e portuguesa con bandas como Moura, Wet Cactus, Men Eater, Travo ou Luciférnaga.Os abonos para os dous días do festival están dispoñibles dende 57€ na web oficial fumegafest.com e en Enterticket.

