Muros volve ser punto de partida. Dende alí, The Rapants dan un novo xiro ao seu imaxinario co lanzamento de ‘Viaxei’, segundo e derradeiro adianto de Rapants Club, o disco que verá a luz nas vindeiras semanas e que xa ten data de estrea en directo: o 28 de marzo no Multiusos do Sar, cun cartel de entradas esgotadas que fala por si só.
O tema arrinca cun berro que funciona case como declaración de intencións —“¡La banda completa!”— e abre paso a unha cumbia luminosa que conecta co pulso latino sen abandonar o ADN rock do grupo. Hai sintetizadores que expanden o espazo, riffs que manteñen a tensión e un retrouso pensado para quedar na cabeza. O movemento cara a ritmos como a música disco ou a electrónica encaixa na evolución natural dunha banda que leva tempo demostrando que o seu “bo rollo” tamén pode ser territorio de risco.
Se ‘Non Sei Como’ xa deixaba ver a amplitude estética de Rapants Club, ‘Viaxei’ confirma que o novo traballo xogará coa mestura de guitarras frenéticas e melodías memorables, abrindo a porta a unha pista de baile con identidade propia. Hai aquí unha vontade clara de medrar sen perder frescura, de asumir influencias globais dende unha personalidade construída a base de directo e comunidade.
O videoclip, dirixido por La Bellavista, dá continuidade ao universo narrativo iniciado en ‘Non Sei Como’. Recupera personaxes coñecidos, de anteriores videoclips, e sitúa a acción baixo unha gran bola de espellos, nunha peza rodada no Instituto Galego da Información (IGI), o complexo ideado por Isaac Díaz Pardo. O espazo, cargado de simbolismo cultural, convértese nun escenario inesperado para esa celebración colectiva que propón a banda.
Con Rapants Club, The Rapants parecen decididos a ampliar horizontes sen romper co que os trouxo ata aquí. ‘Viaxei’ é unha invitación a moverse, pero tamén unha mostra de que a escena galega pode dialogar cos ritmos do mundo dende a súa propia pista de baile.

