Kid Mount xa puxo data ao inicio da viaxe: o 24 de febreiro comeza Perreo Paradiso. O artista de Xinzo de Limia, asentado en Santiago, presenta “NososDous” como primeiro e único adianto do seu novo EP.
Coñecido como O neno del monte ou O pico e o tres (<3), Kid Mount leva anos construíndo un universo propio dentro da música urbana galega. Dende aquel Ben Mal que publicou con só 18 anos, producido de maneira independente, até os EPs Neoamor e Amor e outras drogas, a súa traxectoria foi medrando en coherencia e ambición sonora. Máis de 20.000 oíntes mensuais en Spotify e cancións como “en zona vella”, que superan as 180.000 reproducións, falan dunha base real, sostida no tempo.
“NososDous” activa agora unha nova etapa. O tema funciona como carta de presentación de Perreo Paradiso e sitúase claramente nun rexistro de reguetón, cun pouso old school que remite á vella escola do xénero. A base rítmica é directa, marcada, pensada para o corpo, mentres a produción mantén esa textura limpa e precisa que reforza o carácter do tema. Hai intención de pista, pero tamén coidado no detalle, sostendo esa identidade urbana en galego que Kid Mount leva anos afiando.
O lanzamento chega acompañado dunha peza audiovisual dirixida por Lorenzo Negueruela e Yago Rodríguez, cun equipo creativo que reforza esa dimensión colectiva do proxecto. Na produción musical e na enxeñaría de son aparece Yuly, figura clave no acabado final do EP, e da escena en xeral, formando parte tamén do novo disco de 9louro, algo que Kid Mount quixo salientar publicamente más súas publicacións.
Kid Mount é un dos nomes que leva tempo sostendo a nova escena urbana galega, abrindo camiño para outras voces que medran ao seu redor. Con Perreo Paradiso, o reto semella claro: consolidar ese espazo propio e seguir ampliando os límites do que a música urbana en galego pode chegar a ser.

