Atlantic Pride regresará á cidade da Coruña do 5 ao 12 de xullo para celebrar a súa sétima edición cunha idea clara: o orgullo tamén se constrúe dende o local. Este ano, o festival incorpora ao seu cartel a arde, Jonydasvie, Montedapena, raze e Terrae Dj’s, cinco proxectos que representan distintas maneiras de entender o pop e a música de baile en Galicia.
Despois dunha edición 2025 que reuniu arredor de 45.000 persoas, o coñecido como ‘Orgullo do Norte’ continúa ampliando horizontes sen perder o foco na creación propia. Aos nomes xa anunciados —Miriam Rodríguez, Whigfield e Choriza May— súmase agora unha representación plural da escena galega actual.
Cinco propostas, cinco xeitos de ocupar o escenario:
arde achegará o seu powerpop de guitarras afiadas e pulsión xeracional, cun discurso que atravesa identidade e reflexión social sen renunciar á enerxía directa.Jonydasvie, tras unha traxectoria que o levou de programas da TVG a escenarios máis ambiciosos, presentará un espectáculo que combina temas propios cunha posta en escena coreografada e unha lectura persoal dos grandes himnos de Lady Gaga. Pop urbano con vocación escénica.
Montedapena, alter ego de Héctor Rodríguez, afonda no pop-electrónico e últimamente no pop-punk máis físico e inmediato. Os seus novos adiantos apuntan cara cancións que mesturan crítica social e celebración colectiva, cunha linguaxe que conecta con boa parte da mocidade.
raze, artista viguesa queer e multidisciplinar, constrúe un universo onde conviven electrónica e raíz, corpo e imaxe, natureza e industrialización. O seu directo preséntase como unha experiencia dramatúrxica que vai máis alá do formato concerto.
Terrae Dj’s, baixo máscaras e anonimato, propoñen unha sesión que cruza electrónica e World Music, fundindo sonoridades de raíz de distintos puntos do planeta cun enfoque contemporáneo e bailable.
Un espazo gratuíto, aberto e consolidado:
Nacido en 2019 e impulsado pola Asociación Orgullo Coruña (ORCO), o Atlantic Pride mantén o seu carácter gratuíto e inclusivo. Concertos pop, cultura drag, sesións de dj’s e o Certame Literario LGTBIQ+ conviven nun programa que entende o orgullo como celebración, visibilidade e encontro interxeracional.Co apoio do Concello da Coruña e da Deputación, ademais de patrocinadores privados, o festival consolidouse como unha das citas centrais do inicio do verán no noroeste peninsular. A programación completa irase desvelando nas próximas semanas.En xullo, a cidade volverá converterse nun escenario aberto onde o pop, a diversidade e o talento galego dialogan sen complexos. Porque tamén dende aquí se escribe o relato do verán.

