Portosanto: o regreso (con outro nome) de Oh! Ayatollah xa ten adianto

A épica dos regresos está totalmente sobrevalorada, sobre todo cando non ves aportar nada novo. Por outro lado hai bandas que son máis honestas e borran un nome para escribir outro. Portosanto nace así, como a consecuencia natural dun grupo que estivo a piques de desaparecer e que decidiu seguir, pero doutra maneira.

Detrás de Portosanto están Anaís, Simón, Xoel, Andrés e Nuno Pico. Os mesmos que en 2015 puxeran en marcha en Santiago de Compostela Oh! Ayatollah, aquel grupo que se definía como “pop de guitarras” e que co tempo acabou sendo algo máis incómodo, máis ruidoso, máis difícil de encaixar. Dez anos despois do seu nacemento, aquel proxecto queda atrás como marca, aínda que o vínculo humano e creativo continúa.

O propio Nuno relatou estes días no seu Substack que houbo un momento real de ruptura. Anos sen actividade, poucas cancións novas e a sensación de estar repetindo unha etapa vital que xa non lles pertencía fixeron que a despedida estivese enriba da mesa. A continuidade chegou case por inercia emocional, por esa imposibilidade de asumir que aquela sería a última vez xuntos nun local de ensaio.

O cambio de nome foi o xesto que desbloqueou todo. Portosanto é unha reformulación estética, pero tamén é unha forma de comezar sen a mochila dun relato previo, sen a presión da nostalxia nin a expectativa de quen espera que todo soe igual ca antes. A música segue orbitando arredor das guitarras, pero nace dende outro lugar, cunha relación máis relaxada co feito de publicar e coa experiencia acumulada destes anos.

O primeiro paso desta nova etapa é “Ten que haber un sitio para nós”, xa dispoñible en tódals plataformas da man de Ernie Records e como adianto do álbum homónimo que verá a luz na primavera. A canción funciona como núcleo conceptual do disco: fala dese momento no que un medra e comproba que o futuro prometido non era exactamente como o imaxinaba. A frase que lle dá título repítese case en voz baixa, máis como necesidade que como consigna.

No plano sonoro, Portosanto apostan por un pop de guitarras luminosas pero con aristas, cun riff recoñecible dende o inicio e unha intensidade que medra por insistencia melódica. A produción de Jacobo Naya (ex de La MODA) en Casa Talisio reforza esa claridade tensa: guitarras en primeiro plano, base rítmica firme e unha voz que se move entre a vulnerabilidade e a determinación.

Portosanto chegan a un panorama galego máis amplo e profesionalizado que aquel no que comezaran hai unha década. A súa proposta busca ocupar un novo espazo propio dende a honestidade. Oh! Ayatollah queda como parte da súa biografía. Portosanto é o presente: cinco músicos que decidiron que aínda paga a pena facer cancións xuntos, mesmo cando o horizonte non está completamente definido.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *