Hai algo que comeza cun “bla bla bla” e acaba convertido en suor colectivo. O novo single de Fillas de Cassandra, insolación, xa está nas plataformas e funciona como segunda porta aberta cara a Tertúlia, o álbum que verá a luz en abril.
O punto de partida é sinxelo e á vez contundente: falar tamén co corpo. María SOA e Sara Faro empurran o diálogo máis alá da palabra e colócano no baile, no xiro continuo, na calor que medra ata rozar o límite. A canción constrúe esa sensación de roda infinita mesturando funk brasileiro e breakbeat coas ferramentas da música tradicional e cunha melodía de corrido sanabrés composta por Gutier Álvarez. O resultado é unha peza “arremuiñada”, en movemento constante, onde as harmonías vocais e as bases electrónicas conviven sen xerarquías.
A referencia á insolación conecta tamén coa imaxinación literaria de Emilia Pardo Bazán, engadindo unha capa simbólica a esta idea de éxtase que atravesa o proxecto. Tertúlia, producido xunto a Çantamarta e editado por Altafonte, apunta a un traballo que expande o seu universo sonoro sen perder o vínculo coa raíz.
O videoclip, rodado en Vigo e dirixido por Santi Iglesias, Sergio Steel e o propio dúo, continúa a narrativa iniciada en saír á fresca: unha parada de autobús que se transforma nun espazo de encontro e celebración. O interior dese bus convértese nun pequeno templo móbil onde a conversa deriva en baile e comunidade. A estrea tivo lugar ante máis de 20.000 persoas no estadio de Balaídos, durante un partido do Real Club Celta de Vigo, amplificando a dimensión pública dun proxecto que medra dende o local cara ao colectivo.
A presentación oficial de Tertúlia chegará o 9 de maio no Recinto Ferial de Pontevedra, punto de partida dunha xira que promete converter cada concerto nunha auténtica tertulia física: corpo, palabra e ritmo xirando ao mesmo tempo.

