A banda valenciana Bernal continúa a xira do seu novo disco con dúas paradas en Galicia os días 13 e 14 de marzo, acompañada en ambas citas por Aeronave Adolescente. O primeiro concerto terá lugar na Sala Supersonic, en Vigo, e ao día seguinte actuarán na Sala La Disfrutona.
O grupo chega coa presentación de Vida y Milagros, o seu segundo álbum, un traballo de doce cancións construído como un percorrido pechado, onde cada peza ocupa un lugar concreto dentro dun relato emocional e vital. Hai nel unha vontade de unidade, de disco pensado como conxunto, onde as cancións dialogan entre si e debuxan unha mesma viaxe arredor da aprendizaxe, da perda e dos cambios que van deixando pegada.
A gravación realizouse durante quince días no verán de 2024 nos estudos The Mistery, en Cuenca, baixo a produción de Raúl Abellán e Eduardo Nogués, baixista da propia banda. Desa concentración nace un disco compacto, cunha identidade sonora moi definida, no que Bernal afonda nunha idea de post-pop de pulsión melódica, intensidade emocional e coidado estrutural.
Formados en 2022, Bernal está integrado por Álvaro Martínez Gil, Mickele Morra, Carlos Martínez-Bernal e Eduardo Nogués. En pouco tempo foron consolidando un son propio que dialoga con referencias internacionais como American Football ou Death Cab for Cutie, pero tamén con nomes estatais como Los Planetas ou Viva Belgrado, sempre dende unha escritura introspectiva e unha pulsión de banda que medra especialmente no directo.
As dúas datas galegas forman parte dunha xira ampla que continuará nos próximos meses por cidades como Santander, Oviedo, Barcelona, Donosti ou Valencia, ademais da súa presenza en festivais como o de Lugo e unha nova parada en Boimorto no verán

